Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte reclama ao alcalde que xestione coa Hidrográfica a autorización para o proxecto de unión do Porto Seco coa N-120

A Xunta leva dous anos traballando no deseño da conexión do Porto Seco de Monforte coa N-120 e nese tempo tropezou con todo tipo de dificultades e atrancos. Agora é a Confederación Hidrográfica a que non aproba o proxecto e esixe a súa modificación no entorno dun regato e do rego das Veigas. Diante desta situación, o grupo municipal do PP levará unha iniciativa á próxima sesión plenaria do Concello, para instar ao alcalde, José Tomé, a facer as xestións oportunas para facilitar as autorizacións precisas dunha vez por todas.

A portavoz popular en Monforte, Katy Varela, destaca que a Xunta topa unha e outra vez no desenvolvemento do proxecto de conexión do Porto Seco coa N-120 con dificultades orixinadas en ámbitos gobernados ou dirixidos polos socialistas. Nesto senso recorda que primeiro houbo dificultades co Ministerio de Fomento, polo modo de enlace coa estrada nacional, que se prevé converter en autovía, e, despois, coa reclamación da eliminación dun paso a nivel de ADIF, totalmente alleo ao trazado previsto pola Xunta.

Varela segue explicando que agora a Confederación Hidrográfica Miño-Sil denega a autorización para realizar a conexión do Porto Seco coa N-120, e esixe a modificación do proxecto nos puntos citados. 

A portavoz popular indica que a execución desta obra debe ser facilitada e non freada. Para que sexa así, o PP presentará unha iniciativa ao pleno municipal para instar ao alcalde, José Tomé, a facer as xestións oportunas diante da Confederación Hidrográfica para acurtar e facilitar canto sexa posible os trámites, e que as obras poidan comezar o antes posible.

Katy Varela destaca que mentres a Xunta traballa pola dinamización económica do sur da provincia de Lugo, outras Administracións parecen poñer atrancos continuamente. Recorda que no Porto Seco a Xunta leva investidos máis de 20 millóns de euros. É necesario, di a portavoz popular en Monforte, que o Ministerio adopte solucións construtivas para que o Porto Seco de Monforte non remate por converterse  nun polígono de luxo infrautilizado.