O Grupo Municipal do PP de Ribadeo veise na obriga de criticar publicamente, unha vez máis, a xestión do Goberno local no que as infraestruturas viarias de Concello se refire. Ao igual que en días pasados demandou actuacións urxentes na estrada dos Garitos, hoxe o voceiro Daniel Vega desprazouse ata Ove, onde a estrada presenta un firme notablemente deteriorado que, sumado ás fochancas existentes, constitúe un risco para os usuarios da mesma.
É, por este motivo, polo que dende este Grupo consideran “prioritario” que a entidade local ten que actuar “con celeridade” neste vial. Asemade, Daniel Vega, e en aras de facer unha oposición construtiva e útil aos ribadenses, demanda ao equipo de goberno “unha planificación concreta respecto da mellora das vía municipais e non baixo improvisacións ou ao azar”.
“Que o Concello ten que arranxar esta vía non é algo que diga o Partido Popular. É algo que demandan os veciños. Como membros da Corporación o que pedimos é que os nosos dirixentes cumpran coa súa responsabilidade, que non é outra que a de dotar ao municipio de servizos e manter os existentes en boas condicións”, afirma Vega.
Os populares recollen así “o sentir” da veciñanza, trasladando ao Goberno local esta petición que agardan, di o voceiro do PP, “se materialice no menor tempo posible, xa que, do contrario, o seu deterioro será cada vez maior e as posibilidades de que se produzan saídas de vía ou incluso danos nos vehículos, tamén aumentarán”.