Partido Popular de Lugo

A presidenta do PP da provincia de Lugo reúnese con representantes de AFALU

A máxima dirixente do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia, recibiu este martes á presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo (AFALU), Carmen Pena; e ao director do centro de día que xestiona a asociación en Lugo, Valentín Calvín. Este encontro desenvolveuse dentro das xuntanzas que a mandataria popular está a manter con representantes de distintos colectivos e asociacións da provincia.

Candia escoitou as principais inquedanzas desta asociación para “continuar a servir como altavoces das súas demandas ante as institucións onde temos representación”. Así mesmo, a popular puxo en valor  o seu traballo a prol da mellora da calidade de vida tanto das familias e dos propios enfermos a través dos centros de día especializados que xestiona a propia asociación e das súas distintas unidades terapéuticas que están a traballar en Lugo e tamén en Vilalba, Friol e As Nogais.

A presidenta do colectivo aproveitou a xuntanza para facerlle saber á popular novas propostas de traballo da asociación; ademais da súa preocupación ante a caducidade do contrato para a xestión dos centros de día públicos de Ourense e Lugo -especializadas en enfermos con Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas- onde unha cifra considerable de traballadores cualificados prestan atención especializada a moitas familias. Carmen Pena tamén puxo en valor a actividade de AFALU lembrando que “nos achegamos aos concellos rurais para prestar a atención que nos requiren” e que, cada vez, é maior debido a que “cada vez hai máis persoas que sofren este tipo de enfermidades”