Partido Popular de Lugo

O PP abrirá en febreiro un programa mensual de estudo e debate para abordar o reto demográfico e buscar solucións contra a despoboación

En todo o abano social lucense hai unha fonda e sincera inquedanza provocada polas dinámicas demográficas que deixan sen poboación partes do territorio provincial. Hai una ampla coincidencia en que afrontar o reto demográfico é unha cuestión que esixe unha implicación política e social decidida e sincera, en todos os ámbitos. Para o Partido Popular de Lugo a perda de poboación, que chega practicamente á despoboación nalgunhas áreas da provincia, constitúe un motivo de grave preocupación, á vez que un estímulo para buscar solucións ao problema. E, como explica a presidenta provincial do partido e portavoz popular na Deputación, Elena Candia, quere facelo no ámbito lucense buscando a implicación de todos os sectores sociais que poden aportar algo para encontrar solucións eficaces para reverter unha situación cada día máis estendida. Para iso, o PP de Lugo ultima unha serie de iniciativas coas que espera conseguir un vademecum que poida ser útil desde a perspectiva provincial e aplicable desde a administración local lucense. En febreiro, o PP de Lugo dará comezo aos venres de estudo e debate sobre o reto demográfico.

Como eixo principal das iniciativas a desenvolver, segundo explica Elena Candia, prográmanse accións mensuais para analizar o reto demográfico e como reverter a actual situación no mundo rural, que incluirán a exposición de ponencias por parte de reputados especialistas no mundo da política, da Universidade, do emprendemento, etcétera. Haberá unha sesión mensual, preferentemente o primeiro venres de cada mes a partir de febreiro. Estas xornadas lucenses de demografía pretenden ser algo así como o pistoletazo de saída para mobilizar ao conxunto da sociedade da provincia e visualizar que hai solucións e alternativas viables. Candia destaca que o reto demográfico é unha cuestión de Estado, no que teñen que implicarse as administracións locais e autonómicas. E iso é o que pretende facer o PP de Lugo desde o ámbito local e provincial, na liña que marca a proxectada Lei de Impulso Demográfico de Galicia e no marco das conclusións do informe da Comisión Especial Sobre la Evolución Demográfica en España, creada por acordo do Senado, o 30 de novembro de 2016. No informe que presentou esta comisión en abril do 2019 destaca que, para afrontar con éxito o reto demográfico, resultan esenciais medidas de apoio ás familias, afrontar a realidade do envellecemento e corrixir as dinámicas de perda de poboación.

No ámbito autonómico, Candia está segura de que a entrada en vigor da Lei de Impulso Demográfico marcará un antes e un despois na abordaxe do problema, no que en Galicia se traballa con rigor desde hai xa moitos anos. Foi un fito neste camiño, recorda a presidenta dos populares lucenses, a aprobación polo Parlamento galego, en abril de 2013, do primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, que situou a cuestión demográfica entre as máximas prioridades do
Goberno autonómico.

Elena Candia confía en que as iniciativas que, neste terreo, impulsarán os populares lucenses, cohesionadas ao redor dos venres dedicados ao reto demográfico, sirvan para aglutinar as ideas, proxectos e iniciativas que desde distintos sectores sociais (políticos, veciñais, empresarias, universitarios, etcétera) empezan a agromar como resposta natural ao problema da despoboación dalgunhas áreas da provincia.