Partido Popular de Lugo

O PP pon en valor que o investimento da Xunta de Galicia en Sarria no 2019 superou os 5 millóns de euros

A Xunta de Galicia investiu durante o ano 2019 en Sarria máis de 5 millóns de euros. Así o puxo en valor o portavoz do Partido Popular na localidade, José Antonio García, tras manter unha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O popular lembrou que “esta cantidade se ve incrementada debido ás achegas do Executivo galego que permiten o mantemento de servizos públicos no municipio como son a oficina agraria, os colexios e institutos, a Escola Oficial de Idiomas, o centro de saúde, o CAP ou o xulgado”.

García salientou, entre as principais achegas da anualidade do 2019, os 469.000 euros que recibiu o Concello do Fondo de Cooperación Local e que “lle permite á entidade local realizar as obras ou prestar os servizos que considere oportunos” ou os 174.000 euros para sufragar o servizo de axuda no fogar (SAF) a persoas en situación de dependencia. Ademais, a Xunta financia o funcionamento do CIM que comparte cos concellos da contorna con máis de 37.000 euros anuais.

No tocante ás infraestruturas o popular destacou “os máis de 1,3 millóns dirixidos á construción e rehabilitación de vivendas” e os máis de 126.000 euros para desenvolver melloras na estación de autobuses.

E no ámbito do emprego, tamén fixo fincapé o voceiro do PP que a localidade desenvolve un obradoiro de emprego do que se beneficiaron un total de 20 persoas e que contou cun investimento de 336.000 euros por parte da Xunta. Así mesmo, García indicou que “o Concello recibiu máis de 130.000 euros para a contratación de 10 persoas  perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e outros case 19.000 euros para a contratación dun traballador a través do programa Aprol Rural”. E, a estas achegas, hai que engadir outras das que se ven directamente beneficiados os traballadores autónomos e que, no caso do municipio de Sarria, recibiron máis de 263.000 euros dirixidos a un total de 71 traballadores.

Non hai que esquecer tampouco as achegas do Executivo que presiden Feijóo en apoio ás actividades culturais e ao desenvolvemento de actividades deportivas dende os colectivos locais.

O investimento máis destacado da provincia para o 2020
José Antonio García destacou tamén que “a Xunta ten previsto para o 2020 en Sarria a obra de maior contía na nosa provincia: o desdobramento do corredor Nadela-Sarria para convertelo en autovía e que conta cunha dotación de 24,6 millóns de euros”.