Partido Popular de Lugo

O catamarán rescatado do fondo do Miño leva días deteriorándose máis aínda o aire libre, porque non colle nas naves da Deputación

Como na coñecida canción infantil, o barquiño Pelegrín I, o catamarán da Deputación afundido no Miño, á altura da ponte de As Saamasas, en Lugo, na noite do 19 ao 20 de decembro, tampouco pode navegar. O abandono ao que estivo sometido mentres o tiveron amarrado meses e meses levouno ao fondo do río coincidindo coa crecida. Agora, o barco, retirado do río, está varado en terra, o aire libre, sobre o remolque no que foi trasladado ao recinto de Begonte no que a Deputación Provincial ten dúas naves.

O deputado popular Óscar Poy di que na resposta dada polo goberno provincial, presido polo socialista José Tomé, no pleno celebrado o pasado 31 de decembro a unha pregunta do PP, unha das afirmacións foi que sería trasladado a unha das naves de Begonte, das que é titular o organismo provincial. Poy declara: «Pois non foi así. E non foi así porque o catamarán non está en ningunha das dúas naves; está no exterior. Ocorre que a porta dun dos edificios que podería acoller o barco non é grande abondo para que pase; a outra nave, ten unha porta suficientemente grande, pero está tan chea que non hai sitio para o catamarán. A isto chámaselle previsión, tanta como a que fixo que o Pelegrín I pasase dous anos no río sen mantemento, ou sen apenas mantemento e sen uso ningún, e acabara afundindo».

Na resposta á pregunta formulada polo grupo popular, o goberno provincial tamén dixo, segundo recorda o mesmo deputado, que o barco estaba asegurado e que se faría un estudo técnico para determinar se é recuperable. Poy sinala: «É de esperar que o goberno provincial atine mellor nestas afirmacións que no do traslado á nave, porque na nave non está. Haberá que ver onde o deixan cando a empresa que se encargou do traslado decida que xa é hora de recuperar o remolque sobre o que se atopa». O mesmo deputado di que se o goberno que preside José Tomé sabía que o barco non entraba en ningunha das dúas naves, incorreu en algo que non debe darse en política e que non é precisamente o correcto; se non o sabía, tamén é grave.

Poy sinala: «O caso do catamarán afundido no Miño é unha boa metáfora do modelo de xestión do goberno bipartito da Deputación; da unha imaxe moi clara de como entenden a responsabilidade de administrar os cartos dos contribuíntes, dos lucenses». 

O catamarán I foi adquirido pola Deputación durante o mandato de Francisco Cacharro. Foi presentado a finais do 2003. A súa misión era efectuar recorridos entre Los Robles e a Acea do Rei Chiquito.