Partido Popular de Lugo

O PP presenta preguntas ao Goberno e mocións nos concellos contra o peche da venda presencial de billetes en Sarria, Viveiro e Burela

O Partido Popular de Lugo non vai quedar calado diante do ataque á atención aos usuarios dos servizos de ferrocarril na provincia que supón o peche da venda presencial de billetes nas estacións de Sarria, Viveiro e Burela. Os populares presentan preguntas ao Goberno e iniciativas nos concellos citados e estudan mobilizacións para evitar esta nova agresión aos xa pobres, deteriorados e desatendidos servizos ferroviarios en Lugo.

O portavoz popular en Burela, Manuel Rouco, recorda que neste municipio houbo que repetir as eleccións e que aínda non se celebrou o pleno de organización. Polo tanto, aínda non pode presentar mocións. En todo caso, sinala: «É incrible que a única estación intermodal de toda A Mariña quede sen traballadores para atender á xente que quere sacar billetes para usar o tren.O peche da venda presencial de billetes é unha merma clarísima da calidade na atención ao servizo». Rouco recorda que «o alcalde que se manifestaba en protesta polo descenso da actividade ferroviaria cando lle interesaba politicamente, agora permanece mudo; debe dar explicacións de por que agora non di nada».

En Sarria, o portavoz popular, José Antonio García, anuncia a presentación dunha moción no pleno de xaneiro. «O tempo di moi claramente quen é cada quen. O Partido Popular sempre estivo en contra da redución de persoal en Sarria. De feito, no ano 2017, Renfe xa intentou pechar a venda presencial de billetes e, por medio de José Manuel Barreiro, fixéronse xestións que deron como resultado que o Goberno presidido por Mariano Rajoy non permitira esa medida. Daquela manifestábanse os socialistas e os de Podemos; esperamos que agora tamén se manifesten, porque o Goberno presidido por Pedro Sánchez (PSOE) non fixo nada para evitar o peche da venda presencial de billetes». García pregúntase «onde están os socialistas galegos para impedir esta merma no servizos de atención ao cliente; onde está Gonzalo Caballero, cuxa voz non se escoita para a defensa dos intereses de Galicia en xeral, e de Lugo en particular».

Os concelleiros populares de Viveiro acaban de presentar unha moción para que o pleno acorde «que o equipo de goberno faga as xestións necesarias para solicitar que Renfe rectifique a súa inxusta decisión de suprimir a partir do 1 de xaneiro de 2020 o servizo de venta presencial de billetes nas estación de Viveiro, e prive así aos usuarios do ferrocarril de servizos que estaba previsto manter». Igualmente, nesta iniciativa proponse ao pleno a toma de decisión para que o goberno municipal «faga as xestións necesarias para solicitar a Renfe o aumento do servizo de transporte na Mariña, incluíndo servizos máis directos dende Viveiro ás zoas con Universidade, para que os estudantes da Mariña poidan desprazarse en un período de tempo razoable, así como que implante un servizo de cercanías máis axeitado ás necesidades da veciñanza para a comunicación co Hospital da Costa e co resto da Mariña».

Os populares de Viveiro din que a decisión de pechar nas estaciones a venda presencial de billetes prexudica claramente o mantemento dos servizos de calidade e proximidade aos cidadáns do rural, e incide no deterioro das prestacións ferroviarios. O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez manifesta: «Dende o Partido Popular entendemos que estas medidas son contraditorias coa licitación realizada pola presidencia de ADIF o 31 de maio de 2019 dun procedemento aberto con varios criterios de adxudicación de un contrato de servizo de información e atención o cliente, venda de billetes e servizos básicos complementarios en nove estacións, catro de elas de Galicia (O Carballiño, Ribadavia, Sarria e Guillarei) por importe de 738.464,31 € e con un prazo de execución de 12 meses; esta iniciativa finalizou coa desestimación do procedemento deste contrato por existir erros de valoración dos criterios de adxudicación que dependen dun xuízo de valor e ser una infracción non subsanable das normas reguladoras do procedemento de adxudicación». Engaden: «Sorprendentemente un erro administrativo imputable a ADIF non se corrixe mediante unha nova licitación e se decide por Renfe suprimir o servizo, trasladando o problema aos usuarios. É lamentable».

Polo seu lado, os deputados populares Joaquín García Díez e Jaime de Olano presentan preguntas ao Goberno sobre a decisión de pechar a venda presencial de billetes en distintas estacións de ferrocarril de Galicia, entre elas as de Viveiro, Burela e Sarria na provincia de Lugo. Os citados deputados populares preguntan cal é a razón que xustifica a supresión do citado servizo nas tres localidades lucenses indicadas. Interésanse por coñecer que alternativas se ofrecerán aos viaxeiros para que poidan conseguir os billetes en Burela, Sarria e Viveiro.

Os mesmos deputados destacan que a decisión de Renfe provocou a resposta de diferentes corporacións locais e dos usuarios, que denuncian que esta medida suporá a perda de calidade do servizo, en claro prexuízo dos viaxeiros.

As iniciativas municipais e no Congreso súmanse ás postas en marcha pola Xunta de Galicia, que xa trasladou a  Renfe a súa oposición frontal ao peche da venda presencial de billetes nas estacións de ferrocarril da Comunidade Autónoma. O Goberno galego demanda o mantemento do citado servizo nas estacións de ferrocarril, para garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos a todos os cidadáns. A Xunta considera que eliminar esa atención presencial aos viaxeiros supón ir contra os principios de mantemento de servizos de calidade e proximidade aos cidadáns no rural, que deben primar sobre os meros obxectivos económicos