Partido Popular de Lugo

O Goberno central deixa de novo a Monforte sen fondos para a nova depuradora de augas residuais, coa complicidade de José Tomé

O abastecemento de auga potable e o tratamento das augas residuais son competencias municipais. No caso de Monforte de Lemos, é sabido, porque así quedou recollido no estudo efectuado por Augas de Galicia en 2008, que a depuradora de augas residuais (EDAR) de Monforte presenta unha serie de deficiencias que esixen a súa substitución: carece de sistema de desengraxado, a decantación secundaria é deficiente, falta a eliminación de nutrientes, etcétera. Por este motivo, o grupo municipal popular defendeu, no pleno celebrado pola corporación municipal o pasado 23 de xullo, unha moción para instar ao goberno municipal a reclamar do Goberno central os recursos necesarios para dotar a Monforte dunha nova planta depuradora de augas residuais. Para conseguir o citado obxectivo, os populares, lembra a súa portavoz, Katy Varela, propuxeron que se demandase do Goberno central que se destinasen a Monforte fondos europeos (Feder), concretamente todo ou parte dos previstos para a EDAR proxectada en Santiago de Compostela, que, xa entón, era sabido que non ía ser executada. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, sostivo que tal cambio de fins non era posible, porque os cartos serían destinados a EDAR de Santiago, que, afirmou, si sería executada. Varela mantivo días pasados unha reunión coa conselleira Ethel Vázquez, para abordar este asunto, na que a titular de Infraestruturas puxo de manifesto que o ministerio desatendeu, no que atinxe a Monforte, a recente solicitude de Augas de Galicia para destinar fondos Feder para a nova depuradora.

Varela recorda que a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, enviou un escrito ao Ministerio para la Transición Ecológica reclamando os fondos para a EDAR de Santiago, que non se levou a cabo, para a que é preciso construír en Monforte. Na resposta do ministerio queda claro que non se pensa atender por esta vía a evidente e urxente necesidade que ten a cidade do Cabe de dispoñer dunha nova estación depuradora de augas residuais.

A portavoz do PP sinala: «Está claro que é o que pasa. O que pasa é que o alcalde, o socialista José Tomé, non se atreve a reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez que faga o que ten que facer, que é destinar a Monforte os fondos Feder previstos para a depuradora de augas residuais de Santiago, que non se levou a cabo. Está claro que mentiu no pleno de xullo e tamén que non fixo xestión algunha para conseguir eses cartos». Varela engade: «Isto é unha das consecuencias de que Monforte teña un alcalde a media xornada, máis preocupado de non molestar á xefatura do seu partido que de defender os intereses de Monforte. Non é a primeira ocasión na que ocorre nin será a última».

Katy Varela declara: «Monforte necesita unha nova depuradora de augas residuais, porque a que está operativa hai tempo que non serve. Na actual situación pode ocorrer que haxa accidentes medioambientais graves, que, ademais do que poidan supoñer, seguramente terán  consecuencias sancionadoras para o Concello. O alcalde ten que saír da súa zona de confort e poñerse a traballar. Monforte xa non pode agardar máis pola nova depuradora de augas residuais; a Xunta reclamou fondos ao ministerio, o que non fixo o alcalde».