Partido Popular de Lugo

O PP, «estupefacto» pola decisión de Tomé de pasar a Tragsa a empregados de Suplusa, reunirase este domingo cos traballadores

Lugo, a 20 de decembro de 2019. Estamos moi sorprendidos polo anuncio feito polo presidente da Deputación, José Tomé, de que os traballadores de Suplusa encargados das áreas verdes pasarán a Tragsa». O deputado provincial popular José Antonio García di que no PP están «estupefactos polo feito de que o goberno da Deputación encargue a Tragsa o mantemento das áreas verdes da provincia, afectando esta decisión de xeito moi agresivo aos ata agora traballadores de Suplusa». O PP manterá unha reunión cos empregados afectados o domingo, día 22, ás 11.30 horas na sede do Partido Popular na capital lucense.

 

José Antonio García di que a decisión adoptada polo goberno provincial vai en contra da filosofía do acordo para a supresión de Suplusa, que incluía a integración dos traballadores na estrutura da Deputación, e total respecto aos seus dereitos laborais. «É un atropelo aos dereitos dos traballadores, á comisión liquidadora e aos intereses da provincia de Lugo.

 

O mesmo deputado destaca que a medida decidida polo bigoberno da Deputación, presidido polo socialista Tomé, foi adoptada «sen facer partícipe á comisión liquidadora de Suplusa da documentación que presuntamente a ampara. Destaca tamén que tan relevante resolución levouse a cabo sen que os representantes da Deputación mantiveran reunións cos traballadores de Suplusa, que se senten desorientados e altamente preocupados.

 

Para García, a citada medida tomada por socialistas e nacionalistas ofrece moitas dúbidas desde o punto de vista xurídico. O mesmo deputado provincial censura que a decisión se adoptase con escurantismo e falta de transparencia. No PP, segundo indica García, consideran que o goberno provincial procedeu con total falta de respecto aos traballadores afectados.

 

Para analizar a situación creada polo goberno provincial e as súas consecuencias, o PP convocou aos traballadores afectados a unha reunión que se celebrará o domingo, 22, na sede do partido en Lugo; neste encontro, os populares poñeranse a disposición dos afectados para a defensa dos seus intereses.