Partido Popular de Lugo

O PP esixe explicacións a Tomé polo afundimento do catamarán tres días despois de avisalo de que o barco estaba moi mal

Lugo, a 20 de decembro de 2019. O Grupo Provincial do PP avisou o pasado día 17: O catamarán que ten abandonado a Deputación no Miño á altura da ponte das Saamasas está moi deteriorado, medio afundido e acabará por afundirse totalmente. Pois xa ocorreu. O barco, que xa estaba en mal estado e escorado, afundiuse nas últimas horas, incapaz de soportar as condicións en que se atopa o río, moi crecido e con corrente moi rápida. O deputado provincial popular Óscar Poy esixe explicacións ao goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé.

 

Poy manifestou: «Pasou o que tiña que pasar, e que era visto que pasaría. Agora esperamos explicacións do presidente da Deputación, que vai ter que esforzarse moito para aclarar aos lucenses por que non tomou medidas a tempo para evitar que o catamarán, pagado con fondos públicos, acabase afundido no río. Unha vez máis queda claramente demostrado como xestionan os socialistas os recursos públicos, neste caso coa colaboración necesaria dos independentistas».

 

O mesmo deputado provincial sinalou: «A sociedade lucense está estupefacta diante da desvergonzada maneira que ten o bigoberno da Deputación de botar a perder os recursos públicos; o caso do catamarán do Miño fala claramente do desastre de xestores que son os socialistas. Ninguén debera ter xa dúbidas do que pasa cando os socialistas e os independentistas gobernan as institucións». Poy agregou que espera que non pase con Alcoa o mesmo que co catamarán e, despois de decenas de avisos dados polo PP, por culpa da inacción dos socialistas, sinaladamente do presidente Pedro Sánchez, se acabe afundindo tamén Alcoa-San Cibrao, buque insignia da industria da provincia lucense.

 

Óscar Poy lembrou que a Deputación de Lugo, baixo a presidencia de Francisco Cacharro Pardo, presentou o catamarán Pelegrín I a finais do 2003; a súa misión era recorrer varias veces ao día o tramo do Miño comprendido entre Los Robles e a acea do Rei Chiquito. En xullo de 2019, o barco levaba xa largo tempo sen prestar servizo. Entón, o socialista Eduardo Vidal, que no anterior mandato liderara a área de Turismo da Deputación, aseguraba que non podía navegar por falta de calado, e que por iso estaba ancorado a altura do ponte das Saamasas. Hoxe, o barco está afundido, despois de ser arrastrado pola corrente ata As Illas. Agora, di o deputado Poy, «o barco xa só é chatarra que haberá que sacar do río con considerable custo para o erario; as grazas hai que darllas ao goberno provincial e sinaladamente ao seu presidente, o socialista José Tomé. Ten pendentes moitas explicacións. Non pode dicir que non estaba avisado. Dixémosllo moitas veces, a última o pasado día 17».

 

Poy engadiu: «Agora está por ver que di á respecto dos restos do naufraxio a Confederación Hidrográfica, con cuxo presidente, José Antonio Quiroga, secretario de Organización do PSdeG, non parecen estar moi de acordo algúns socialistas lucenses como é o caso de Álvaro Santos».