Partido Popular de Lugo

Óscar Poy: «As leas internas dos socialistas danan gravemente os intereses dos lucenses»

Lugo, a 19 de decembro de 2019. A misión dos políticos é resolver os problemas da sociedade, non xerar complicacións aos cidadáns. E iso, xerar problemas, é o que está a ocorrer coas leas internas no PSdeG-PSOE, como se pode comprobar en Lugo. Así o sinala o deputado provincial popular Óscar Poy. Indica: «Non hai máis que ver que, segundo deron a coñecer algúns medios de comunicación, o concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, Álvaro Santos, critica as trabas que, ao seu xuízo, poñen organismos como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que, curiosamente, está presidida por José Antonio Quiroga, que é, nin máis nin menos, que secretario de Organización do PSdeG». Neste sentido, sinala que hai proxectos que, segundo parece á vista das circunstancias, sofren directamente as consecuencias destes enfrontamentos, como é o caso da anunciada e non executada mellora das instalacións da canceira de Lugo.

 

A ninguén se lle escapa en Lugo, recorda Poy, que Álvaro Santos e José Antonio Quiroga representan dous sectores do partido que viviron e viven un notable enfrontamento. Destaca que Santos foi secretario xeral provincial do partido, ata que na executiva galega se impuxo o sector que converteu en secretario xeral a Gonzalo Caballero. Poy declara: «As leas entre os dous sectores tiveron, entre outros resultados, que nas pasadas eleccións xerais caera da lista socialista por Lugo ao Congreso Sonsoles López Izquierdo; xa nas anteriores non conseguiron colocar a López Izquierdo na cabeza de lista (foi no número dous), posto no que foi, nas dúas convocatorias electorais, Ana Prieto, membro da executiva galega liderada por Gonzalo Caballero.

 

Poy manifesta: «Se os socialistas non se entenden entre eles, que poden esperar os cidadáns da súa xestión nos organismos públicos; non se entenden nin para proxectos como é o da mellora da canceira, para o que a Deputación ten cartos consignados e que anunciaron antes das eleccións municipais, tanto desde o Concello como desde o pazo de San Marcos». O mesmo deputado popular sinala: «Está claro que a afección dos socialistas a xogar ao mesmo tempo a goberno e oposición, a practican con moito intensidade e frecuencia no seo do partido, e as consecuencias da falta de entendemento van contra intereses dos lucenses».