Partido Popular de Lugo

O PP de Navia alerta do mal estado no que se atopan as estradas de titularidade municipal

17, decembro, 2019. O PP de Navia de Suarna alerta do mal estado no que se atopan as estradas de titularidade municipal. Os populares sinalan que basta con ver o vial de Cantorcia, no que as fochancas fan que o tránsito e a circulación por el sexan realmente dificultosos.

 

Por este motivo, piden ao rexedor que “tome nota da nosa petición”, xa que “non calquera día algún coche vai deixar as rodas nos baches ou mesmo sofrir algún accidente”. “Pasar por esta pista é unha odisea. O seu estado é lamentable”, engaden.

 

O voceiro do PP naviego, Jesús Fernández López, afirma que “esta non é a primeira vez que nos vemos na obriga de criticar ao Goberno local por esta mesma causa”. “A de Cantorcia é tan só un exemplo, pois son moitas as estradas que dependen da xestión do Concello que están así ou incluso peor”. Para o popular isto evidencia “falta de traballo e dedicación por parte dos que nos dirixen”. “Incluso pon de relevo a inexistencia de planificación. Estamos nunha época do ano na que as choivas e a neve son abundantes, polo que non arranxar as estradas o único que se consegue é que o firme se deteriore aínda máis”, insiste.

 

Jesús Fernández López pide así “unha maior responsabilidade” ao alcalde. “Agardamos que non se poña de perfil ou mesmo conteste con outro asunto para intentar salvar a cara. O estado desta estrada veino calquera. É cuestión do Concello de querer arranxala ou non”, conclúe.