Partido Popular de Lugo

O plan da Xunta para a Ribeira Sacra dinamizará a economía de todo o sur da provincia e será eficaz para combater o despoboamento

Lugo, 11 de decembro de 2019. O plan presentado nos Peares o pasado martes polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, é fiel reflexo da decisión do Goberno galego de facer canto está na súa man para conseguir que a Unesco declare á Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. É tamén un xeito de expresar o compromiso da Xunta co medio rural e, sinaladamente, con rural da provincia de Lugo. Así o entende a alcaldesa de O Courel e deputada provincial, Lola Castro, que considera que os datos que resumen o plan presentado polo presidente Feijóo son elocuentes: 35 actuacións por importe de 34 millóns de euros a executar ata o ano 2023, que afectarán a un territorio de 3.000 quilómetros cadrados, distribuídos en 25 municipios, nos que viven 60.000 persoas.

 

Para Castro, este será o impulso definitivo para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Inclúe o deseño dunha área de rehabilitación integral, así como accións para a recuperación e humanización de espazos urbanos, ademais dun pacto pola paisaxe e o deseño dunha nova ruta polas zonas de máis interese. A alcaldesa de O Courel di que confía en que se consigan tanto a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade como Reserva da Biosfera. «Se é así, e estou segura de que se logrará, a zona sur da provincia terá tres figuras recoñecidas pola Unesco, porque hai que recordar que desde o pasado mes de xuño contamos co Xeoparque Montañas do Courel». Castro lamenta que o goberno provincial non enviase representación a Os Peares para coñecer o plan da Xunta para a Ribeira Sacra, acto ao que si asistiron representantes da Deputación de Ourense, de concellos e de asociacións, entre outros.

 

A mesma deputada provincial sinala que «as iniciativas anunciadas o martes polo presidente da Xunta supoñen un modo de combater a despoboación, de xerar condicións para o desenvolvemento económico e para combater o cambio climático; é o camiño axeitado para facer fronte no sur da provincia aos máis graves problemas que ten abertos Lugo». Engade: «O plan autonómico para a Ribeira Sacra pon de manifesto que a Xunta ten proxecto e dedica os recursos necesarios á súa execución».

 

Da implicación plena do Goberno galego na promoción da candidatura da Ribeira Sacra á consideración de Patrimonio da Humanidade da idea, sinala Lola Castro, «o feito de que co presidente da Xunta, na presentación do plan, estiveron os conselleiros de Medio Ambiente e Cultura, os dous departamentos autonómicos máis implicados neste proxecto».