Partido Popular de Lugo

Varela: «A falta de proxecto que reflexa o orzamento municipal para 2020 fará de Monforte unha cidade dormitorio para a terceira idade»

Monforte, a 04 de decembro de 2019. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, ten cada día máis dificultades para enmascarar a súa condición de alcalde a media xornada. Pouco a pouco, son máis os monfortinos que comproban en primeira persoa que Tomé prefire estar na presidencia da Deputación que á fronte do Concello. Así o entende a voceira do PP, Katy Varela, que considera que agora, «de novo apréciase ben a súa condición de alcalde a media xornada; no proxecto de orzamento municipal para 2020 vese con total claridade que os socialistas carecen de proxecto para Monforte, porque carecen de ideas e dedican pouco tempo ao servizo do municipio». Varela tamén di: «Este presuposto aproxima un pouco máis á cidade do Cabe á condición de cidade dormitorio para a terceira idade; será algo que haberá que agradecer a incapacidade do goberno municipal para proxectar accións que favorezan o desenvolvemento industrial e comercial, que apoien a iniciativa emprendedora e que faciliten a posta en marcha de novos proxectos empresariais».

 

O orzamento medra algo máis do 5% con respecto ao do exercicio que está xa cerca de rematar. A voceira popular di: «Pero iso, por si mesmo, non significa nada. O propio Tomé destaca, a xulgar polo publicado polos medios de comunicación, o carácter social e subvencionador do plan económico do Concello para o 2020. Que casualidade que o 2020 sexa ano de eleccións autonómicas. Katy Varela engade: «Da gusto ver como lle medran as partidas sociais este ano a Tomé, a conta dos tributos que pagan os monfortinos, porque baixar, o que se di baixar, non baixa a presión impositiva. Nin hai cambios á baixa no IBI ni se anima a introducir as reformas precisas no imposto de plusvalía nin se anuncian bonificacións noutros tributos e taxas».

 

«Non hai neste proxecto orzamentario –di Katy Varela- novas infraestruturas de verdadeira relevancia. Hai si o convenio coa Confederación Hidrográfica e a Deputación (¡que menos se a preside o propio Tomé!) para a mellora do saneamento, algo que, en gran parte, xa tiña que ter acometido hai tempo. Pero pouco máis hai, porque o que de verdade non hai é un proxecto ambicioso de cidade». A voceira popular manifesta: «O orzamento reflexa esa maneira cativa de entender a política propia do PSOE de Pedro Sánchez, que mira ao curto prazo (eleccións autonómicas e conseguinte necesidade de voto) e nunca pon as luces largas. Por iso, o goberno local vai camiño de converter Monforte nunha cidade dormitorio para a terceira idade; os demais terán que emigrar».

 

Reunión de afiliados

 

O PP de Monforte celebrou no tarde-noite do pasado martes unha reunión de afiliados para analizar o proxecto de orzamento do Concello para 2020. Na reunión comprobouse que a xente que reside nos barrios da periferia non ve recollidas no plan económico para o próximo ano a solución dos problemas urbanísticos, infraestructurais e sociais que os afectan de maneira máis preocupante. Katy Varela sinala: «A tenor do dito polos afiliados residentes na zona rural, o mesmo pasa nesta ampla parte do municipio, onde faltan aínda algúns dos máis elementais servizos, por máis que aos socialistas se lles encha a boca dicindo que todos os monfortinos teñen os mesmos dereitos independentemente de onde residan».