Lugo, a 04 de decembro de 2019. A portavoz do Partido Popular en Monforte, Katy Varela, mantivo unha reunión co xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integral (EOXI), Ramón Ares, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo. Entre outras cuestións avaliaron as obras de ampliación e mellora do centro hospitalario que a Xunta acometerá en dúas fases: a primeira que beneficiará aos servizos de Farmacia, Hospital de Día Oncohemotolóxico (no que se prestan os tratamentos de quimioterapia, evitando desprazamentos) e permitirá crear un hospital de procesos médicos, servizo fundamental para mellorar a atención dos pacientes crónicos. A segunda fase, suporá a ampliación a área de hospitalización e de servizos fundamentais como o de Xinecoloxía e Pediatría.
En canto á falta de especialistas, trasladóuselle a Katy Varela por parte do xerente as dificultades que ten a Administración para atopar facultativos que queiran afincarse na cidade do Cabe. A este respecto, Varela declarou: "Debería ser primordial para o alcalde de Monforte, JoséTomé, ofrecer os incentivos necesarios para que os profesionais queiran quedar en Monforte; é un problema que tamén se dá nos xulgados ou mesmo no propio Concello cos funcionarios de habilitación nacional".
Na mesma reunión abordáronse outros asuntos importantes como a Unidade de Atención Temperá para nenos con necesidades especiais, que comezou a funcionar no hospital de Monforte de Lemos hai seis meses; preténdese perfeccionar este servizo co tempo para evitar que pais e nenos teñan que trasladarse a Lugo. A portavoz popular manifestou: "Isto indica a importancia que lle dá a Administración autonómica aos cidadáns de Monforte e ao hospital da comarca". O xerente informou á portavoz do Partido Popular que proximamente comezarán a aplicar mecanismos de xestión que xa funcionan en Lugo para que o servizo sanitario na cidade do Cabe sexa máis eficiente.