Partido Popular de Lugo

O PSOE de A Fonsagrada oponse á que a Deputación abra de xeito inmediato o Residencial Rois

4, decembro, 2019. O PSOE de A Fonsagrada oponse á que a Deputación abra de xeito inmediato o Residencia Rois. Así se deduce logo de que os socialistas votasen en contra da moción presentada polo PP neste senso, sendo o único grupo político que rexeitou dita iniciativa, pois o BNG tamén se manifestou a favor da demanda dos populares.

 

O voceiro José Regueiro recoñece “non dar crédito a semellante despropósito”, cando, precisamente, foi o PSOE no Concello e na Deputación os que inauguraron o centro hai 4 anos. “Presentamos a nosa moción, solicitando algo que é xusto. Asistimos a un sinsentido, propio do camarote dos irmáns Marx, sobre todo, porque non pediamos nada que ningún veciño non coñecese”.

 

Regueiro considera que, con tal proceder, “aos socialistas da Fonsagrada caéuselles a careta”, demostrando así que “cales son os seus intereses”. “O que está claro é que o desentendemento respecto do futuro deste centro é total”, insiste o popular.

 

Cronoloxía do centro

A Deputación de Lugo e o Concello de A Fonsagrada inauguraran en marzo de 2015, é dicir, dous meses antes das eleccións municipais, o Residencial Rois. Foi nun acto convocado polo exalcalde Argelio Fernández e o expresidente Gómez Besteiro, e no que participaron numerosos veciños, que asistiron á confirmación por parte dos responsables destas administracións de que estas instalacións abrirían as súas portas en setembro dese mesmo ano.

 

Dende 2015, a Deputación xa tivo dous presidentes máis, e este Concello ten agora outro alcalde diferente, pero nin uns nin os outros foron capaces de impulsar a súa apertura. Tal é así, que o Residencial segue igual e sen visos dunha apertura a curto prazo, logo do rexeitamento dos socialistas.

 

Durante todo este tempo foron moitos os avatares administrativos que xurdiron en torno a este centro, pois este non é o único que estivo baixo polémica durante estes anos. Como tamén continuas foron as manifestacións e anuncios sobre a súa posta en funcionamento por parte dos diferentes gobernos da Deputación, nos que, por certo, tamén formou parte o exalcalde que a inaugurou. Foron o seguintes:

 

  • O 3 de setembro de 2018, o exalcalde di nos medios de comunicación que ten todo para abrir a residencia.

 

  • Este feito levou ao PP a preguntar no Pleno do 13 de novembro dese ano se o Concello tiña o PIA; o trámite necesario para a súa apertura.

 

  • O 22 de decembro de 2018, a Deputación anuncia a licitación da mesma.

 

  • O 13 de marzo de 2019 o organismo provincial adxudica o Residencial Rois a As Rodas Vivendas Comunitarias.

 

  • O 15 de marzo de 2019 a Deputación solicita o PIA á Xunta de Galicia.

 

E dende esta data, que pon de relevo que tanto a Deputación como o Concello iniciaron todo o proceso de construción sen dispoñer dos permisos esixidos, polo cal é evidente que a súa apertura era administrativamente imposible polo menos antes do 15 de marzo deste ano, o Partido Socialista, incumpriu sistematicamente a palabra dada aos veciños de A Fonsagrada. O último produciuse no día de onte, ao votar en contra da moción presentadas polo PSOE.

 

Apoio para rematar a estrada que vai a Navia

Noutra orde de asuntos, os populares acadaron o apoio unánime da Corporación para esixir á Deputación á mellora da totalidade da estrada LU– P–1901, que comunica A Fonsagrada con Navia de Suarna. Concretamente, a petición recolle a execución das obras de ensanche, mellora e sinalización desta estrada nos 21,6 quilómetros, e que aínda están sen acometer, acumulando tamén un importante retraso.

 

No ano 2007, o equipo de goberno o organismo lugués aprobara o proxecto para realizar esta obra; pero coa entrada do bipartito no goberno da institución provincial quedou parado durante unha década. Finalmente, en outubro do 2017 saía a licitación o ensanche e mellora dun tramo desta estrada para o que se formalizaba o contrato en febreiro do ano 2018 e, en outubro dese mesmo ano, saía a licitación o acondicionamento doutro tramo para o que se formaliza o contrato en marzo deste ano 2019. Con todo, estas licitacións só supoñen o arranxo de 7,95 quilómetros cando a estrada conta cun total de 29,5 quilómetros. Ademais, as obras aínda están sen rematar, polo que o estado da vía xera constantes queixas por parte dos usuarios.