Partido Popular de Lugo

O PP apoia aos veciños de Xunqueira que reclaman do Concello a mellora do firme e a limpeza do Camiño do Cubilote

Viveiro, 03 decembro de 2019. Os concelleiros populares fan chegar ao goberno municipal presidido pola socialista María Loureiro as numerosas queixas veciñais polo mal estado de camiños e pistas que dependen do Concello. As deficiencias das infraestruturas viarias teñen unha repercusión moi negativa na vida diaria dos contribuíntes. É o caso dos veciños que teñen que transitar cada día polo Camiño do Cubilote, no barrio de Xunqueira.

 

O concelleiro José Soto presenta un rogo ao goberno municipal para que, canto antes, corrixa as deficiencias que provocan as queixas dos veciños. «No barrio de Xunqueira, o Camiño do Cubilote, o único acceso ás vivendas, está en estado lamentable; tal é a situación de abandono, que é perigoso para os viandantes».

 

Tamén explica soto: «Nunha das vivendas ás que da acceso o camiño vive unha persoa con discapacidade física, ademais de nenos e maiores que en numerosas ocasións sufriron esvaróns e caídas debido á falta de conservación do pavimento». O mesmo concelleiro popular recorda cales son as obrigas da Administración local. «A competencia municipal en materia de vías públicas alcanza tanto ás urbanas como ás rurais e a obriga das entidades locais é mantelas en bo estado de conservación».

 

Soto di: «Os veciños non recordan a última vez que neste camiño se realizaron traballos de limpeza e mantemento, algo esencial para evitar posibles danos irreversibles das persoas que alí viven; en varias ocasións se dirixiron a membros do goberno local, sen acadar resultados positivos, a pesar de que estamos a falar dun camiño que dá acceso a vivendas e a fincas, con unha lonxitude de, aproximadamente, 70 metros». Engade: «Entendemos que o custo da limpeza e mantemento do firme e insignificante para as arcas municipais».

 

O grupo municipal popular, que ten por voceiro a Óscar Rodríguez, solicita do Concello que execute sen demora «a limpeza e reparación do firme do denominado Camiño do Cubilote (enlaza co Camiño Real de Xunqueira), que se atopa en moi malas condicións».