3, decembro, 2019. O deputado mariñán do PP no Parlamento de Galicia, Daniel Vega, preguntará na sesión plenaria da cámara galega de mañá, mércores 4 de decembro, se o Goberno do Estado se puxo en contacto coa Xunta de Galicia para presentar algunha solución á problemática existente na factoría de Alcoa en San Cibrao.
A pregunta, para a súa resposta oral en Pleno, foi presentada polo trámite de urxencia ante “a necesidade de que o Goberno galego explique a súa posición sobre un tema de gran interese para a comarca da Mariña e, polo tanto, para a nosa Comunidade Autónoma”. E máis concretamente, “agora que o Goberno vén de aprobar o calendario e as características da poxa de interrompibilidade coa contía máis baixa da historia posta a disposición dos consumidores electrointensivos coma a planta de Alcoa en San Cibrao”.
Vega lamenta que, ademais de sacar a subasta unicamente 1.000 MW, o Goberno en funcións de Pedro Sánchez eliminou tamén os bloques de 40MW que son polos que poxan as grandes factorías españolas; polo que as obriga a competir por 200 bloques de 5MW cada un con todos os actores. “Isto pon nun grave risco á planta mariñá de Alcoa e aos máis de 2.000 postos de traballo da fábrica que representa o 30% do PIB da nosa provincia”, advirte o deputado popular.
Así mesmo, recorda Daniel Vega que “o Goberno de Sánchez segue sen aprobar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo que ten como obxectivo o de axudar á industria a ser máis competitiva”. De feito, o popular sinala que “o problema que afecta á factoría de Alcoa en San Cibrao dende hai un ano é que non pode competir en igualdade de condicións que o resto da industria europea por mor dun prezo eléctrico elevado. E ante todos os sinais de alarma, o Goberno central non está a adoptar as medidas necesarias que só el pode adoptar para garantir o futuro da planta”.
O deputado popular no Parlamento de Galicia amósase preocupado ante a falta de medidas do Goberno porque cre que “o tempo se esgota” e lamenta que “non ofreza ningunha resposta nin tan sequera ás liñas básicas elaboradas pola Xunta de Galicia en consonancia coas demandas dos traballadores e do comité de empresa sobre os aspectos que debe recoller o Estatuto e que foron trasladadas aos distintos partidos políticos a nivel nacional”.