Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada defende a necesidade de mellorar a estrada provincial LU-P-1901 “na súa totalidade”

1, decembro, 2019. O Grupo Municipal do PP da Fonsagrada pide a mellora da totalidade da estrada LU – P – 1901. Así o recollen nunha moción que defenderán na vindeira sesión plenaria na que agardan lograr un acordo da corporación municipal para instar á Deputación Provincial, a institución titular da vía, á inmediata licitación e execución das obras de ensanche, mellora e sinalización desta estrada nos 21,6 quilómetros que non foron obxecto de licitación nos anos 2017 e 2018.

O voceiro dos populares, José Luís Regueiro, sinala que “o arranxo e mellora da estrada LU-P-1901 que une A Fonsagrada con Navia de Suarna é unha antiga e necesaria demanda dos veciños e veciñas”. De feito, xa no ano 2007 o equipo de goberno da Deputación Provincial aprobara o proxecto para realizar esta obra; pero coa entrada do bipartito no goberno da institución provincial “quedou parado durante unha década”, critica.

Finalmente, en outubro do 2017 saía a licitación o ensanche e mellora dun tramo desta estrada para o que se formalizaba o contrato en febreiro do ano 2018 e, en outubro dese mesmo ano, saía a licitación o acondicionamento doutro tramo para o que se formaliza o contrato en marzo deste ano 2019. Con todo, estas licitacións só supoñen o arranxo de 7,95 quilómetros cando a estrada conta cun total de 29,5 quilómetros. Ademais, “as obras aínda están sen rematar”; polo que, “o estado da vía xera constantes queixas por parte dos usuarios”.

Regueiro considera, a este respecto, que “ademais do prexuízo que causa ao desenvolvemento do noso municipio e tamén ao concello veciño de Navia de Suarna; a situación desta estrada supón un risco para a seguridade dos seus usuarios e usuarias”. Neste sentido, o popular defende que “a seguridade viaria debe ser unha das prioridades de calquera goberno” e, por conseguinte, cre que “as obras de mellora da totalidade da estrada provincia LU-P-1901 non se deben demorar máis no tempo”.

Así, o Grupo Municipal Popular da Fonsagrada urxe ao goberno da Deputación Provincial, como institución responsable dos labores de conservación, mantemento e mellora da rede viaria provincial, a realizar as obras de mellora precisas para garantir “o bo estado desta infraestrutura co obxectivo de dotar aos veciños e veciñas dunha importante vía de comunicación en condicións de seguridade”. Recorda Regueiro que é unha vía de uso diario para moitos usuarios que resulta esencial para o desenvolvemento económico e turístico do noso concello”.