Partido Popular de Lugo

O goberno da Deputación vota en contra de dotar de orzamento a urbanización do parque empresarial de Riotorto que promoveu Suplusa

Lugo, 26 de novembro de 2019. O Grupo Provincial do PP critica que os grupos do goberno da Deputación votaran en contra de dotar dunha partida orzamentaria finalista nos presupostos da entidade provincial de cara ao 2020 para licitación e urbanización do parque empresarial de Vilarín no Concello de Riotorto”. Os populares defenderon no pleno esta proposta ante a preocupación dos veciños e veciñas e tamén do seu alcalde, Clemente Iglesias, pola situación do parque empresarial agardando que o Grupo do PSOE e do BNG tamén apoiaran “o futuro dos mozos e mozas e que, polo tanto, non sexan cómplices da emigración da xente nova de Riotorto”, así coma ao tecido industrial desta provincia e, máis concretamente, a posta en servizo deste polígono que axudará á dinamización económica de Riotorto.

 

O deputado do PP José Antonio García incidiu tamén en que co seu voto queda claro “o criterio deste Goberno da Deputación con respecto á herdanza que deixa SUPLUSA, entidade que decidiron disolver o PSOE e o BNG para chegar ao acordo de goberno que teñen e que xustificaron de ben distinta maneira: mentres que o Partido Socialista dicía que era por modernizar e impulsar as funcións públicas desta institución, o BNG dicía directamente que era para baleirar esta casa e liquidar esta Deputación”. A este respecto, o popular recordou que “cando se presentou o inicio do procedemento de liquidación da sociedade a postura deste Grupo, que estamos a defender con coherencia e responsabilidade, na comisión liquidadora”. Agora, “queremos saber a posición da Deputación que é a quen se subrogan as funcións que tiña Suplusa”.

 

O popular recordou que “os trámites administrativos foron iniciados polo Concello fai catro anos cando presentou e tramitou o necesario plan especial urbanístico para o asentamento de naves e empresa. Nestes catro anos, o Concello de Riotorto foi conseguindo tódolos informes sectoriais e legais precisos para o parque empresarial fose unha realidade”. O proceso de tramitación administrativa finalizou o 12 de novembro de 2019, coa aprobación definitiva, pola Xunta de Goberno do Concello, do proxecto de urbanización do parque empresarial Vilarín de Riotorto, que ten un orzamento de 402.250,48 euros. “Agora é esta Deputación a que ten que subrogarse nas súas obrigas e nos seus compromisos cos proxectos desta provincia”.

 

García sinalou que “ao Grupo Provincial Popular cónstanlle retrasos sobre os polígonos industrias doutros concellos” e advertiu que “non imos permitir que o proceso de liquidación de Suplusa sirva para ir baleirando esta Deputación como dixo unha parte do goberno”. Así, lamentan que “o goberno da Deputación non dote de orzamento para logo licitar as obras de urbanización deste polígono polo que agardan tanto os veciños e veciñas coma o alcalde de Riotorto”.

 

O deputado provincial do PP recordou que “dende o noso Grupo defendemos os intereses da nosa provincia” e, nesa mesma liña, “no momento de asinar o inicio da disolución de Suplusa xa avanzamos a nosa defensa dos traballadores da entidade así coma a industrialización e a rede de servizos sociais da provincia. Se hoxe esta provincia non ten un órgano que xestione o solo industrial é porque o PSOE e o BNG así o estableceron no seu acordo de goberno”, engadiu José Antonio García. Ademais, acusan os populares a socialistas e nacionalistas de que “agora xa non lles importa dotar de solo industrial aos concellos que levan catro anos pelexando por el”. Lembrou que nun punto anterior o Bloque defendeu unha moción para reclamar medidas para frear a emigración dos mozos galegos. «Vostedes acaban de falar dos mozos que se marchan e agora, chegados a este punto, xa iso non lles importa nada».

 

Réplica ao Bloque

 

O deputado Agustín Baamonde foi o encargado de dar a réplica ao portavoz do BNG, Efrén Castro, que defendeu a moción dos nacionalistas para reclamar medidas para frear a marcha dos mozos galegos. Baamonde dixo que o máis interesante da iniciativa nacionalista eran os versos de Rosalía de Castro cos que se iniciaba. «A partir de aí non hai nada interesante». Engadiu: «Eu diríalle que o que fixeron foi poñer diadema de ouro a un espantallo. Expoñen un tema importante, transcendente, que afecta a Galicia, pero «en lugar de coller o touro polos cornos, poñendo enriba da mesa cales son as ideas e alternativas que ten o BNG para resolver o problema, expoñelo nos foros que corresponde e, se se fai noutros, cinguilos ás competencias propias do mesmo, o que fan é basicamente traer unha moción que é unha auténtica trampa saducea».

 

Baamonde dixo tamén: «A señora Pontón ten o obxectivo claro de reflotar a nave do BNG e a verdade é que a señora Pontón e consciente de que o Bloque ten o mesmo problema que tiña o protagonista daquela novela de García Márquez, El coronel no tiene quién le escriba; o Bloque non ten quen o escoite». O mesmo deputado afirmou: «Intentan capitalizar o debate, converterse en árbitro do mesmo buscando unha bandeira para converterse en salvadores da identidade de Galicia; a bandeira que usan nesta ocasión, de especial sensibilidade en Galicia, é a bandeira da emigración». Acusou ao Bloque de terxiversar os datos, dado que contan aos que se van, pero non aos que veñen a Galicia.

 

Por outro lado, Baamonde dixo: «Levamos hora e medio de pleno e vostede non dixo nada da sentencia dos EREs; aquí chegouse a unha moción de censura por un pacto contra a corrupción e vostede aínda non di nada. Que non o diga o PSOE, enténdese, que non o diga vostede, non».