Partido Popular de Lugo

Os populares salientan que a Xunta sustenta os principais servizos públicos de Monforte e adicionalmente leva investidos 4,8M€ en obras e servizos no que levamos de ano

20, novembro, 2019. A presidenta e portavoz do Grupo Municipal Popular en Monforte, Katy Varela, salientou o feito de que sexa a Xunta a administración máis comprometida con Monforte e a que executa –con gran diferenza- a maior parte do investimento que recibe o municipio.

 

De feito, o Goberno galego non só financia e sustenta os principais servizos públicos da cidade (centros educativos, centros de saúde, hospitais, oficinas de emprego e formación, residencias, xulgados) senón tamén, adicionalmente leva investidos máis de 4,8 millóns de euros en distintas obras e servizos no que levamos de ano.

 

Así o explicou Varela logo dunha reunión que mantivo co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, na que se interesou polo desenvolvemento das iniciativas que o Goberno galego lidera en Monforte de Lemos.

 

Axuda no fogar

As achegas principais son as destinadas a financiar o servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, que supera os 400.000 euros no último semestre e tamén os máis de 600.000 euros ingresados con cargo ao Fondo de Cooperación Local, que despois o Concello pode destinar a executar as obras e servizos que con liberdade seleccione.

 

Emprego

Outras achegas relevantes teñen que ver co ámbito das políticas activas de emprego. Así a Xunta financia con 348.000 euros o obradoiro de emprego para 20 alumnos e con 307.000 o programa para contratar a 20 traballadores que eran perceptores da Risga e que agora realizan distintas tarefas de interese municipal. En Monforte a Xunta concedeu case medio cento de axudas para apoiar a actividade dos traballadores autónomos.

 

O Goberno galego destinará tamén 165.000 euros á mellora da estación de autobuses –traballos que se iniciaran antes de que remate este ano- e, en materia de seguridade destacan os 409.000 euros destinados á mantemento do parque comarcal de bombeiros.

 

Medio Rural

Xa no ámbito rural o Goberno galego destina máis de 600.000 a axudas directas para os profesionais do sector agrario e gandeiro e preto de 100.000 euros a distintos plans de mellora, novas incorporacións e pequenas explotacións.

 

Finalmente un bo número de clubs e agrupacións deportivas da cidade, en particular dezaseis entidades, reciben achega por valor de case 50.000 euros en apoio da súa actividade ou para a compra de novo equipamento.