Partido Popular de Lugo

O PP insta ao Concello de Viveiro a xestionar a mellora do acceso a comercios e pisos en Verxeles, na Avenida de Ferrol

Viveiro a 19 de novembro de 2019. O grupo municipal do PP de Viveiro considera inadmisible o estado en que se encontra un espazo urbano que constitúe o acceso a vivendas e locais comerciais en Verxeles, na Avenida de Ferrol. Trátase dunha explanada, tamén utilizada como aparcamento, co pavimento totalmente deteriorado que, na actualidade, está chea de fochancas, o que fai realmente difícil, incómodo e ata perigoso transitar por este punto da cidade.

 

Os concelleiros populares anuncian a presentación dunha iniciativa (rogo) no Concello para que o goberno municipal adopte as medidas necesarias para cambiar o actual estado de cousas, que provoca numerosas queixas de veciños e comerciantes. Os edís que teñen por voceiro a Óscar Rodríguez queren que o Concello aclare a quen pertence o terreo e que, unha vez determinada a propiedade, inste o seu acondicionamento tan rápido como sexa posible.

 

A actual situación, di Rodríguez, é intolerable e o goberno que preside a socialista María Loureiro ten que adoptar medidas de inmediato para que a reparación se leve a cabo o antes posible. Se de quen depende este espazo urbano non asume a súa responsabilidade, o goberno local deberá estudar a posibilidade de actuar directamente, por vía subsidiaria, é dicir, executar as melloras precisas e pasar a factura das obras a quen sexa o dono do terreo. En total hai unhas cen familias que padecen os inconvenientes de que este espazo estea no estado de abandono no que se encontra. É unha situación que se mantén desde hai dez anos.

 

No actual estado deste acceso, non é descartable que se produza a caída de peóns, o que podería dar lugar a que o Concello tivese que asumir algunha responsabilidade pecuniaria, co conseguinte dano ao erario, xa de por si bastante tocado debido o alto endebedamento que sofre.