Partido Popular de Lugo

O PP de Burela denuncia que o alcalde tardou ano e medio en resolver unha petición de licenza de terraza dun céntrico local de hostalaría

Burela, a 14 de novembro de 2019.- O PP de Burela denuncia que Alfredo Llano puido ter beneficiado a un determinado establecemento hostaleiro situado no centro urbano á hora de resolver unha petición de licenza de instalación de terraza e de ocupación de dominio público, xa que tardou ano e medio en resolvela, cando ao mes de formularse a petición de licencia xa había informes negativos.

Desde o PP indican que, “a xeito comparativo”, o expediente 276/2018 para instalación de terraza e ocupación de dominio público na zona de Vista Alegre iniciouse o 02/febreiro/2018 e resolveuse na Xunta de Goberno Local o 06/xuño/2018, é dicir, nun prazo de catro meses.

Os populares aseguran así que, á vista da acta da Xunta de Goberno Local de 28 deste pasado agosto, a petición foi formulada polo interesado o 5/marzo/2018, o día 9 daquel mes o interesado foi requirido por escrito para complementar documentación, o que fixo o 4/abril/2018. Paralelamente, o 27 de marzo e 1 de abril de 2018 a Policía Local emitiu diversos informes desfavorables á ocupación solicitada e á instalación da terraza nos termos marcados polo interesado. De xeito “totalmente anómalo”, o 12/abril/2018 foille formulado ao interesado un segundo requirimento de documentación, que é presentada no Concello o 18 daquel mes. “E máis anómalo aínda”, a entidade local require por terceira vez documentación, o 26/xuño/2018, sendo entregada polo interesado nas dependencias municipais seis meses despois, o 28 de decembro. Isto evidencia, apuntan, a que o propietario “puido traballar ao seu antollo, chegando a cambiarse de localización o mobiliario urbano para favorecer o funcionamento da terraza”.

Informes técnicos desfavorables

Posteriormente, tanto en abril como en xullo do ano 2019, constan diversos informes da arquitecta técnica interina municipal desfavorables á petición de licenza e autorización de ocupación solicitada, ao non cumprir co previsto na Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, relativa ás condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

 

Do mesmo xeito, en xuño deste ano a secretaría do Concello emite informe negativo á autorización de licenza baseándose na mesma Orde, así como, na Ordenanza Municipal de Accesibilidade.

 

Os edís populares indican que, tendo en conta que é o alcalde o que elabora as ordes do día, tanto das xuntas de goberno como das sesións plenarias, “entendemos que o expediente queda pechado co informe de secretaría de 12 de xuño do presente ano, podendo resolverse o mesmo na xunta de goberno do 19 de xuño, pero esta non foi incluída na orde do día favorecendo durante todo este tempo ao propietario deste local de hostalaría”.

Por todo elo, os edís populares aprecian “un posible trato de favor por parte do alcalde socialista en funcións nesta cuestión que discrimina ao resto de hostaleiros da vila”.