Ribadeo, 13 de novembro de 2019. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo pon en valor o inicio de dous cursos de cociña e nutrición impulsados polas asociacións de amas de casa e mulleres rurais de Ribadeo que se desenvolven nas instalacións da Escola de Capacitación Agraria de Pedro Murias e que contan coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).
Estas actividades formativas contribúen, por unha banda, “á posta en valor dos produtos da terra e, por outra, a ofrecer formación ás persoas participantes sobre aspectos relacionados coa nutrición e a alimentación saudable”, sinala o voceiro dos populares, Daniel Vega. E para iso, contan con destacados cociñeiros da comarca e profesionais do centro de nutrición e fisioterapia Manduca como monitores.
O popular defende a colaboración da agrupación local do PP cos distintos axentes sociais e, máis concretamente, a colaboración entre as administracións e os distintos entes asociativos do municipio. A este respecto, subliña as xestións do Grupo Municipal Popular para lograr a colaboración do Goberno galego con estas asociacións da vila para o desenvolvemento destas actividades de dinamización social.