Monforte, 7 de novembro de 2019. A voceira do grupo municipal do PP de Monforte, Katy Varela, asegura que Goberno central bloquea, unha vez máis, o Porto Seco de Monforte. Varela sinala que os socialistas poñen paus nas rodas” aos esforzos da Xunta por desenvolver esta infraestrutura estratéxica, máis en concreto, para dotala dunha estrada de conexión que permitirá o acceso directo á carretera N-120.
Non é a primeira vez que acontece este bloqueo. A voceira municipal recorda que recentemente Fomento informou desfavorablemente a glorieta de conexión que uniría a estrada autonómica e a nacional, o que obrigou a modificar o proxecto cun enlace tipo lazo, e levou á Xunta a remodelar o proxecto de trazado. Agora, volve bloquear a iniciativa da Xunta esixindo que costee a supresión dun paso a nivel, a pesar de que no é a administración titular desa infraestrutura ferroviaria, nin tampouco do vial que a cruza, que depende da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tamén gobernada polos socialistas.
O PSOE, di Katy Varela, só sabe poñer impedimentos e atrancos para que a Xunta non avance nos proxectos, eternizando o aproveitamento desta infraestrutura. O compromiso do Goberno galego é completar os accesos a esta plataforma loxística para que sirva como infraestrutura estratéxica capaz de atraer novas empresas e novas oportunidades de emprego á comarca. A nova conexión proxectada pola Xunta permitirá absorber o tráfico xerado pola área loxística e de intercambio de mercadorías do porto seco e constituirá a principal vía de unión coa Meseta e o sur de Galicia, á vez que evitará o paso de vehículos, sobre todo de tráfico pesado, polo núcleo urbano de Monforte de Lemos.
O porto seco de Monforte de Lemos concentra nun único espazo as actividades relacionadas coa intermodalidade estrada-ferrocarril. A totalidade do proxecto sumará unha superficie de 307.053 metros cadrados. A Xunta é a primeira administración interesada en rendibilizar o investimento, porque considera que debe ser proveitosa a achega realizada de recursos públicos e porque cre que é unha infraestrutura estratéxica para a comarca.
O proxecto de conexión do Porto Seco de Monforte define as obras necesarias para a prolongación do acceso ata a N-120. Esta actuación conta cunha partida específica nos orzamentos da Xunta para 2020 de 750.000 euros, que permitiría avanzar no proxecto (expropiación, licitación, adxudicación da obra). A administración autonómica xa rematou este ano o proxecto construtivo da nova vía.
A Xunta, segundo destaca Katy Varela, é a única administración comprometida coa posta en servizo do porto seco. De feito o investimento realizado pola administración autonómica nesta infraestrutura rolda os 20M€. Deles trece corresponderían á urbanización dos terreos. Nos accesos que están operativos actualmente gastáronse outros 5,3 millóns.
Ademais a Xunta ofrece solo industrial cunha bonificación do 50% porque hai que estimular o interese das empresas por esta infraestrutura. Esta é a forma, sinala Varela, de que non acabe sendo un polígono de luxo infrautilizado. Tamén apoiou a construción da nova depuradora, financiada ao 50 por cento pola Xunta de Galicia, a pesar de ser un ámbito de competencia municipal (cun investimento de ao redor de 143.000 euros por cada unha das partes) que serviu para proporcionar un servizo de saneamento do que se carecía e vital para que as empresas poidan instalarse nas distintas parcelas.