Partido Popular de Lugo

Barreiro: “É un goberno do PP o que está a facer do Camiño unha fonte indiscutible de emprego e promoción da cultura e do patrimonio”

5, novembro, 2019. “É un goberno do PP o que está a facer do Camiño unha fonte indiscutible de emprego e promoción da cultura e do patrimonio”. Así o indicou durante o encontro que mantivo na tarde de hoxe o candidato ao Senado, José Manuel Barreiro, coa Asociación de Amigos do Camiño, e no que tamén participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada.

 

“O legado e o valor que representa o Camiño e vai aportar ao Xacobeo 21 é a todas luces un nicho importante para a nosa provincia dende o punto de vista socioeconómico. Un goberno PP, o de Núñez Feijóo, está a ser referente en saber aproveitar os recursos que temos para incentivar a nosa economía. Por iso, é tan importante que teñamos un Goberno do PP en Madrid que dea continuidade á xestión e bo facer do Goberno de Galicia”. A este respecto, salientou: “non hai máis que ver os últimos datos do paro, que falan por sí sós, e que indican que o desemprego diminuíu na Comunidade en máis de 5.400 persoas. É non o dicimos nós, dio o propio ministerio; o que supón un descenso do -3,20%; situando a Galicia en niveis de paro moi inferiores aos de hai 11 anos, no inicio da crise”, afirmou.

No encontro afondouse e avaliouse a situación dos catro itinerarios xacobeos ­–Camiño Francés, Primitivo, Inverno e do Norte– que transcorren a través do territorio lucense e avanzar nos futuros proxectos para a provincia, destacando a importancia da provincia no legado xacobeo, xa que ademais de contar con catro itinerarios de peregrinación, 29 dos 67 concellos forman parte do Camiño de Santiago. Isto tradúcese en que máis de 210.000 persoas que este ano percorreron a Ruta Xacobea pasaron por algún municipio da provincia de Lugo, o que supón un 65% do total.

 

Como mostra desta importancia, o Goberno autonómico desenvolve este ano varios plans de actuacións, todos eles recollidos no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que teñen repercusión na provincia e que contan cunha importante achega económica. Un deles é o Plan de Mantemento dos Camiños de Santiago, unha ambiciosa aposta da Xunta de Galicia que, mediante unha achega de 15,6 millóns de euros permitirá que cada itinerario conte cun contrato de mantemento único. Os catro trazados que pasan pola provincia de Lugo contan con preto de 5,7 millóns de euros que permitirán preservar os valores patrimoniais do Camiño e a seguridade dos peregrinos en calquera época do ano.

 

Tamén co obxectivo de mellorar a imaxe dos trazados, a Xunta ven de aprobar un proxecto dotado con preto de 200.000 euros que, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, permitirá eliminar os elementos que deterioran a paisaxe dos Camiños.

 

Rede pública de albergues

Outro dos obxectivos da Xunta de Galicia de cara ao Xacobeo 21, que tamén foi tratado na reunión coas asociacións, é mellorar a rede pública de albergues realizando actuacións de mantemento e conservación e creando novos establecementos. No caso da provincia de Lugo o obxectivo é abrir un novo albergue no Saviñao, para o que se recuperará o Pazo Episcopal de Diomondi.

 

Cómpre lembrar que desde a celebración do último Ano Santo a rede na provincia de Lugo creceu en cinco novos albergues en Samos, A Fonsagrada, Castroverde, Palas de Rei e Friol.

 

‘O teu Xacobeo’

O goberno autonómico quere conseguir que a celebración do Xacobeo 21 sexa participativa, sustentable e descentralizada. Con este obxectivo púxose en marcha O teu Xacobeo, un programa de axudas dotado con 4,7 millóns de euros que permite dinamizar a participación de todos os galegos na celebración do vindeiro Ano Santo.

 

A provincia de Lugo conta con máis de 50 proxectos ao abeiro desta iniciativa, o que supón unha achega por parte do Goberno autonómico de máis de 530.000 euros que permitirán mobilizar preto dun millón de euros en toda a provincia.