Partido Popular de Lugo

Os populares de Castroverde e A Fonsagrada responsabilizan a José Tomé dos gastos e molestias que sofren decenas de veciños por manter pechadas as residencias de maiores

02, novembro, 2019. A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, lamenta que o presidente da Deputación, José Tomé, garde un silencio como de monxe cartuxo en todo o que ten que ver coas residencias de maiores que ten programadas a institución provincial. É un asunto que é motivo de fonda preocupación en toda a provincia e moi sinaladamente nos concellos nos que están previstas residencias. Xunto á preocupación, hai municipios nos que medra a indignación veciñal porque os edificios están rematados, incluso inaugurados e seguen pechados e sen uso, mentres os traballadores seleccionados agradan poder empezar a desempeñar as súas funcións. O peor, din os populares, son as molestias e os gastos que sofren os veciños que teñen que desprazarse para facer uso de centros de día.

 

Unha das residencias que leva xa moito tempo rematada, inaugurada e incluso adxudicada a súa xestión a unha empresa é a de A Fonsagrada. O voceiro popular neste concello, José Luis Regueiro, cualifica de escandaloso o comportamento dos socialistas en relación coa residencia de maiores. «Non só é que a inauguraran con fines electorais, é que a xestión está adxudicada a unha empresa deste municipio. E nada se sabe de cando vai empezar a funcionar». Regueiro esixe ao presidente da Deputación que aclare cando pensa abrir a residencia, porque hai moitos veciños que están esperando facer uso deste servizo. Di tamén que o tempo pon a cada un no seu sitio e agora xa ninguén dubida de que a polémica suscitada nas pasadas eleccións municipais pola Deputación non tiña máis base que o interese electoral de cargar contra a Xunta de Galicia. «Tamén se aprecia que este presidente ten moito máis interese en buscar o enfrontamento con presidente da Xunta que de traballar para poñer en marcha un servizo tan esperado polos veciños como son as residencias».

 

Polo seu lado, o voceiro do PP en Castroverde, Rubén Otero, sinala: «Xa é moita hora de que o presidente da Deputación e o alcalde de Castroverde deixen de andar mareando a perdiz e digan cando pensan abrir a residencia de Castroverde e poñan mans a obra para facelo dunha vez. Os socialistas levan feito moito electoralismo a conta desta residencia, e das outras, pero o caso é que aquí seguimos sen ter este servizo». Destaca que son moitos os veciños que se ven obrigados a facer uso de centros de día ubicados noutros municipios.

 

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantén que o socialista José Tomé vive das rendas do traballo e dos acordos da anterior corporación provincial. Tan é así, sinala, que foi ao Parlamento de Galicia a presentar as grandes liñas dos orzamentos da Deputación para 2020 e foi incapaz de concretar algo con respecto á apertura das residencias de maiores que xa están rematadas e de presentar un cronograma para levar a cabo as outras.