Partido Popular de Lugo

Candia: “O PSOE non merece ter o apoio dos lucenses” porque “dende o Goberno de Pedro Sánchez non adoptaron ningunha medida que dera solución aos problemas da nosa provincia”

Os candidatos do PP lucense ao Congreso e ao Senado deron inicio na media noite deste xoves á campaña electoral de cara ao vindeiro 10 de novembro cunha pegada de carteis virtual arroupados pola presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia; o presidente do PP local, Ramón Carballo, o conselleiro de Economía e Industria e deputado do PP no Parlamento de Galicia, Francisco Conde, e outros representantes do partido.

Candia sinalou que “o PSOE non merece ter o apoio dos lucenses” porque “non adoptou ningunha medida para resolver os problemas que afectan directamente á nosa provincia coma a ameaza de peche da planta de Alcoa en San Cibrao ou da central térmica de Endesa – As Pontes. Os socialistas teñen demostrado na nosa provincia que só lles interesa ter posición de responsabilidade para a súa confrontación con Feijóo”.

O cabeza de lista dos populares lucenses á Cámara Baixa, Jaime De Olano, asegurou pola súa banda que “saímos coma sempre a gañar e, polo tanto, traballaremos para que o Partido Popular consiga o terceiro deputado na nosa provincia”. O candidato do PP engadiu que “estamos escoitando na rúa o descontento dos lucenses co Goberno de Pedro Sánchez” en relación coa súa xestión en temas coma “a situación de Alcoa na Mariña, de Endesa – As Pontes ou o retraso nas obras do Ave, entre outros asuntos”. Por todo isto, “temos o convencemento de que o PP de Lugo acadará os tres representantes no Congreso”.

Por outra banda, o candidato número 1 ao Senado do PP pola nosa provincia, José Manuel Barreiro, manifestou que “esta campaña é decisiva porque non só se elixe ao próximo Goberno, senón que se decide o futuro de España”. Así, “o vindeiro domingo temos a oportunidade de elixir entre o goberno ou o desgoberno, a fractura ou a unidade, se queremos que siga o señor Sánchez ou constituír un Goberno estable que só se pode garantizar co Partido Popular”. Polo tanto, para Barreiro “o único voto útil é o voto al PP. Todos os que non queremos un Goberno de Pedro Sánchez, só temos unha opción: votar ao Partido Popular”, sentenciou.

O candidato que ocupa o posto número 2 na lista popular por Lugo, Joaquín García Díez, engadiu que “hoxe damos o pistoletazo de saída dunha campaña que non quería nin o PP nin os cidadáns tampouco; pero a esta situación levounos o desgoberno de Pedro Sánchez”, recordou. Así mesmo, García Díez subliñou que “saímos con ganas de sumar e aunar”; mentres que “a crispación é cousa de outros”.