Partido Popular de Lugo

O PP lucense insta a José Tomé a dicir cando abrirá as residencias de maiores que están acabadas

Lugo, 1, novembro, 2019. A presidenta provincial do PP e voceira do grupo popular na Deputación, Elena Candia, lamenta que o presidente do organismo provincial, José Tomé, deixara perder a oportunidade, na presentación o pasado xoves no Parlamento de Galicia das grandes liñas do proxecto de orzamento para 2020, de concretar aspectos fundamentais da xestión da institución que dirixe. Un deses aspectos, segundo Candia, é que pensa facer coas residencias para maiores previstas pola Deputación, e máis concretamente cando pensa abrir as que están rematadas, e que cronograma ten para as demais. Neste sentido, recordou que o presidente da Deputación foi só eficaz unha vez desde o comezo do mandato e foi para crear alarma ao suxerir que pensaba renunciar a sacar adiante algunhas das residencias previstas. Tamén recordou que o persoal seleccionado para traballar nas residencias está á espera de que Tomé se decida a poñelas en servizo.

 

Para Candia, na presentación do orzamento provincial no Parlamento, quedou totalmente claro e reforzado o que di o PP desde case o principio do actual mandato: o presidente vive das rendas da anterior corporación provincial, na que se adoptaron acordos que seguen sendo as liñas principais da xestión provincial, como, a xuízo da presidenta provincial do PP, se puxo onte de manifesto. Como exemplo, citou o Plan Único.

 

A voceira popular na Deputación tamén viu claro, ao fío da exposición das grandes liñas do orzamento no Parlamento, que José Tomé está disposto a utilizar o seu cargo para manter de modo continuado un enfrontamento coa Xunta, máis sinaladamente co seu presidente, Alberto Núñez Feijoo. Candia di que esta maneira de actuar vai directamente contra os intereses dos residentes na provincia de Lugo e só demostra que Tomé necesita xustificar no enfrontamento con Feijoo o que non pode xustificar pola súa xestión á fronte da Deputación.

 

Por outro lado, Candia destacou o ton que utilizou José Tomé no resposta á intervención do deputado popular Daniel Vega. «Perdeu esa compostura impostada coa que quere dar unha imaxe extremadamente institucionalista. Pois quedou claro o talante do presidente da Deputación, algo que xa sabemos no grupo provincial do PP desde o mesmo momento en que tomou posesión e se encariñou desmesuradamente co cronómetro para controlar as intervencións nas sesións plenarias. Na exposición das grandes liñas do proxecto orzamentario para 2020 quedou moi claro: é un presidente que vive das rendas do traballo e acordos da anterior corporación e que ten un talante moi pouco tolerante por máis que queira disfrazalo de institucional».