28, outubro, 2019. Os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado por Lugo, Joaquín García Díez e José Manuel Barreiro, acompañados de membros do Grupo Municipal do PP, recibiron na sede provincial do partido ao presidente, Luis Sánchez González, e ao vicepresidente da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), José Manuel Trigo Trigo.
Os representantes do colectivo aproveitaron a xuntanza para trasladar aos populares lucenses as súas reivindicacións a favor das familias numerosas; xa que consideran que se trata do “único grupo que garante a substitución da poboación tan importante para os municipios galegos ameazados polo despoboamento; así coma a achega de poboación activa que, á súa vez, contribúe a construír o futuro”. Pero, ademais, dende AGAFAN reivindican ás familias numerosas como “grandes consumidores” que actúan como “motor económico e social”.
O presidente e o vicepresidente de AGAFAN trasladaron aos candidatos do PP lucense distintas medidas en materia fiscal, emprego ou vivenda, entre outras. Algúns exemplos son o establecemento dunha prestación universal por fillo ou filla a cargo, axudas para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar ou o fomento da flexibilidade laboral. Tamén en materia de emprego, propoñen criterios de preferencia de acceso para familias numerosas para o acceso da oferta pública.
Igualmente, entre as reivindicacións das familias numerosas atópanse as de verse beneficiadas de maiores deducións fiscais por fillos, contar con facilidades para a compra de vivenda ou deducións en caso de alugueiro, subvencións para a compra dun vehículo co espazo requirido ou descontos no prezo da auga, entre outras bonificacións nos distintos impostos municipais.
865 familias numerosas no concello de Lugo e 93 familias numerosas especiais
Tendo en conta que “no concello de Lugo son 865 as familias numerosas que contan con título oficial -3 ou 4 fillos- e 93 as familias numerosas especiais -5 ou máis fillos-“, dende AGAFAN reivindican distintas medidas de actuación que redunden no apoio a este colectivo.
En relación ás taxas municipais propoñen ter en conta o número de fillos de cada familia aplicando, polo tanto, criterios de renda per cápita que favorezan o acceso aos beneficios dun maior número de familias numerosas. Así mesmo, defenden que “se teñan tamén en conta o número de fillos para a bonificación do IBI; xa que o tamaño da vivenda está relacionado coas necesidades de espazo segundo o número de persoas da unidade familiar”.