Partido Popular de Lugo

Cubillas urxe ao alcalde a levar a cabo as xestións necesarias para o arranxo das estradas Seteventos-Toldaos e Fonteabuin-Mourillón

25, outubro, 2019. O voceiro do PP en Láncara, Santiago Cubillas, urxe ao alcalde a levar a cabo as xestións necesarias para o arranxo das estradas que comunican Seteventos con Toldaos e Fonteabuin con Mourillón.

 

O popular cre que o rexedor, que é perfectamente coñecedor e usuario do estado no que se atopan estas vías, xa debía de ter asumido esta responsabilidade, pois no últimos catros anos tanto Láncara como Sarria -municipios polos que transcorren estas estradas- estiveron gobernados polo Partido Socialista, pero nada fixeron a este respecto.

 

Precisamente, en agosto deste ano, os populares lancareses rexistraron unha carta na entidade sarriana, a través da que lle facían á mesma petición ao novo rexedor. Concretamente nesta misiva, Santiago Cubillas explicoulle a situación ao dirixente local, destacando a importancia de que os responsables dos dous Concellos “se unan” para acometer o acondicionamento integral destas vías.

 

“Tiveron todo ao seu favor para facelo, pero non o fixeron. Pero non podemos quedarnos no que non foi, iso xa está. A nosa obriga é volver a demandar e trasladar que se faga porque son moitos os veciños desta zona do concello que as usan para ir a Sarria”, afirma.

 

Neste senso, Cubillas agarda que o rexedor lancarés “faga caso á nosa petición, que é a dos veciños” e emprenda os contactos que sexan oportunos para iniciar “máis pronto que tarde” o seu acondicionamento e, “entre todos”, evitar calquera incidencia. E é que estes accesos están totalmente intransitables e supoñen un risco para os vehículos que circulan a diario por eles.