24, outubro, 2019. Os populares afirman que “ao PSOE só lle interesa A Montaña para as eleccións”. Proba delo é que dende que pasaron as municipais, os gobernos municipal e provincial nada volveron a dicir sobre a apertura da residencia da terceira idade de A Fonsagrada que xa fora inaugurada en marzo de 2015 polos dirixentes que había no Concello e na Deputación naquel momento.
Os populares, que fixeron esta reflexión no transcurso da xuntanza mantida na tarde-noite de hoxe pola presidenta provincial, Elena Candia, e os candidatos ás eleccións xerais cos representantes do PP local, que dirixe José Regueiro, manifestaron que “cambiou o goberno na Deputación, cambiou o goberno no Concello, por cambiar ata o exalcalde agora é asesor en San Marcos, pero seguimos igual no que respecta á residencia. Dixeron que os proxectos seguirían adiante pero, a día de hoxe, nada volvemos a saber nin nós, nin os veciños, nin os traballadores seleccionados; o que nos parece aínda más grave. Isto é o que nos fai concluír que usaron esta comarca, e este municipio en particular, como arma política porque o único que fixeron dende maio é un cambio de sillas, nada máis”, afirmaron.
Neste senso, lembraron que as únicas actuacións que están a facer os gobernos do PSOE na Montaña son as que propiciou o PP coa petición e posterior aprobación dos Plans Único e de Estradas da Deputación, demostrándose así que “somos necesarios e útiles nas institucións”. Por este motivo, apelaron á necesidade “de mobilizarnos de cara ao 10N, xa que se o PP goberna aos españois, aos galegos e aos lucenses vailles ben. Se o fai o PSOE, destrúese o emprego e as zonas máis illadas como pode ser esta quedan totalmente esquecidas”. Un bo exemplo disto é que o Concello renunciou recentemente á oportunidade de crear emprego en A Fonsagrada ao non solicitar os obradoiros que concede a Xunta de Galicia ás entidades locais.
“Sen lugar a dúbidas, foi unha decisión irresponsable” afirman, pois o Executivo autonómico paga o 100% dos custes salariais do alumnado, persoal de dirección, administración e monitores, de tal xeito que acollerse a esta iniciativa lle suporía cero euros.
O feito de non acollerse á esta iniciativa implica que os socialistas descartou á posibilidade de que se puidese contratar a desempregados durante nove meses neste municipio que, por riba, acusa un certo despoboamento e o relevo xeracional en certos sectores é moi reducido.