Partido Popular de Lugo

O PP da comarca de Chantada afirma que “a única garantía para que a A-56 avance é que gobernemos en Madrid”

22, outubro, 2019. Os populares da comarca de Chantada afirma que “a única garantía para que a A-56 avance é que gobernemos en Madrid”. Así o expresaron na tarde-noite de hoxe nunha xuntanza na que participaron, ademais do alcalde deste municipio e candidato ao Senado, Manuel Varela, e outros aspirantes ao Congreso e á Cámara Alta, os representantes do PP nos municipios desta demarcación, así como a presidenta provincial e o secretario xeral, Elena Candia e Carlos Armesto, respectivamente.

 

Os populares explicaron que, coa moción de censura esta “vital” infraestrutura xa fora un dos “castigos” que aparecían “perfectamente” reflectidos nos Orzamentos que pretendía levar a cabo Pedro Sánchez. Por iso, e dada a situación política de España, “cun goberno permanente en funcións que o único que demostra é que non sabe cales son as súas funcións”, “é matematicamente imposible que Fomento cumpra a data fixada de finais deste ano para o remate do único treito que está en obras (San Martiño-A Barrela)”.

Esta autovía sempre estivo presente na axenda política do Partido Popular. O propio Varela mantivo moitas reunións mantidas tanto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ex ministra Ana Pastor para sacala adiante. Incluso, cando gobernaba Mariano Rajoy, se reuniu co cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, para trasladarlle a necesidade e a importancia da execución desta vía de comunicación que permite vertebrar o sur da provincia con Santiago e Ourense.

 

“Uns días antes da moción de censura nos vimos en Madrid, onde fixamos incluso prazos para rematar o treito da Barrela e continuar a autovía ata Guntín, pero logo veu o cambio de goberno e, esta demanda que estaba encamiñada, quedou esquecida; o que nos fai poñer nunha situación alarmante e que non imos permitir”, explicou Varela.

 

E é que os oitos quilómetros do treito indicado son os únicos que recibiron unha inxección económica reseñable con cantidades insignificantes para outros enlaces, como se demostra nos 100.000 euros que se destinaban este ano aos que discorren entre Taboada e Narón e Narón e Guntín. Estes dous, xunto a Ourense-Cambeo, Enlace de Cambeo-San Martiño, Enlace de A Barrela-Enlace de Chantada e Enlace de Chantada-Taboada seguen sen ter rematados os proxectos construtivos, algo imprescindible para poder sacar a licitación as obras.

 

“No caixón de Fomento”

A última publicación do Boletín Oficial del Estado en relación á A-56 data de mediados de 2017, cando se deu o visto bo ambiental ao percorrido entre Ourense e Cambeo. “Isto fainos concluír que a autovía segue á espera dun impulso real para acercar ambas capitais de provincia e mellorar a vertebración do interior de Galicia. Nestes momentos, só San Martiño-A Barrela está en obras, mentras o resto se resiste a saír do caixón de Fomento”, concluíron.

Dende o PP advirten que, con independencia do que pase o 10N, seguirán reclamando esta importante infraestrutura, así como o arranxo da N-540; outra vía de comunicación que precisa ser acondicionada debido ao deterioro que presenta e o volume de tráfico que rexistra diariamente.