Partido Popular de Lugo

Os populares de Lugo amosan o seu apoio aos axentes despregados en Cataluña

Lugo, 21 de outubro de 2019. O candidato do PP ao Congreso, Joaquín García Díez, participou este mediodía diante a Comisaría da Policía Nacional de Lugo nunha concentración en sinal de apoio aos axentes despregados estes días desde tódolos lugares de España a Cataluña.

 

O popular quixo acompañar aos membros do corpo nacional de Policía neste acto público amosando o seu agradecemento ao labor que están a desenvolver os axentes facendo fronte a “unha violencia incomprensible porque vai máis alá dunha ideoloxía política e trata de violentar e tratar de romper a convivencia entre españois e cataláns”.

 

Así mesmo, e en nome dos populares lucenses, García Díez desexou unha pronta recuperación aos axentes hospitalizados e recordou, especialmente, a un axente galego que se atopa ingresado na UCI e ao seu compañeiro de San Cibrao que forma parte da Unidade de Intervención Policial (UIP) tamén hospitalizado cun brazo roto e que está agardando ser intervido.

 

Concentracións na provincia

García Díez estivo acompañado doutros membros do Partido Popular lucense coma o deputado provincial José Pardo Lombao; pero os populares sumáronse tamén a outros actos públicos que se desenvolveron en distintas comisarías da provincia. Os deputados provinciais Javier Castiñeira e Jesús Novo asistiron á concentración en Viveiro xunto aos concelleiros do PP viveirense; mentres que o deputado provincial José Antonio García participou na concentración sarriá.