Partido Popular de Lugo

O PP responsabiliza a Pedro Sánchez da crítica situación de Alcoa-San Cibrao e As Pontes

27, setembro, 2019. O Goberno central, presidido polo socialista Pedro Sánchez, ten sumida á provincia de Lugo nunha grave situación de incerteza, inseguridade e preocupación pola súa falta de apoio a dúas industrias que empregan a miles de traballadores lucenses: Alcoa-San Cibrao e a central térmica de As Pontes. O PP de Lugo, presidido por Elena Candia, quere denunciar de novo esta situación, como o ven facendo en distintos foros políticos e institucionais, e mostra o seu respaldo ás demandas dos traballadores afectados e da sociedade lucense en xeral.

 

No Concello de Vilalba permanecen pechados algúns dos traballadores afectados polo parón que afecta desde hai meses á central térmica de As Pontes. O concelleiro vilalbés e deputado provincial popular Agustín Baamonde sinala: «En toda a Terra Chá a repercusión da central das Pontes é enorme, porque ten unha incidencia moi grande no emprego. Vilalba sempre tivo unha interrelación moi forte con As Pontes; moita xente traballa alí e vive aquí. Son moitos os camioneiros de Vilalba que traballan para As Pontes. De confirmarse os peores augurios sería unha perda económica brutal para Vilalba e para A Terra Chá». Baamonde expresa o apoio do PP ás reivindicacións dos traballadores afectados, que teñen perfiladas xa novas mobilizacións.

 

O Partido Popular de Lugo considera que a inacción do Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez leva á delicadísima situación na que se atopan as dúas industrias. No caso de Alcoa-San Cibrao, o PSOE deixou claro en Lugo que está disposto a obedecer mansamente as instrucións que recibe desde Madrid antes que a defender o futuro de dúas empresas que son fundamentais para a economía da provincia. Esta submisión aos intereses de partido ditadas desde o PSOE de Madrid levou ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, e aos membros do seu grupo a votar contra a moción do PP na que se reclamaba a adopción de medidas fundamentais para garantir a supervivencia de Alcoa-San Cibrao. No debate deste asunto, o deputado que defendeu a moción popular, Javier Castiñeira, recordou as declaración de Pachi Vázquez, ex secretario xeral do PSdeG, nas que lamentaba que o actual responsable do Partido Socialista en Galicia, Gonzalo Caballero, actúe «como un grumete de Sánchez en Galicia». Castiñeira acusou aos socialistas de dar prioridade aos intereses de partido sobre os da propia sociedade, sobre os intereses de Lugo e dos lucenses. Mostra do interese por botar balóns fora neste tema foi a recomendación do presidente da Deputación, José Tomé, a Javier Castiñeira: pregúntelle, dixo o presidente, ao goberno de Alemania que transición (enerxética) prevé ela para Alemania e se iso é transportable aquí ou non. E iso foi todo; nada dixo das medidas que deseñou o Goberno de Pedro Sánchez para resolver problemas de industrias como Alcoa-San Cibrao e As Pontes. Non dixo nada porque nada tiña que dicir. Unha falta de iniciativa, resalta o PP de Lugo, que contrasta vivamente coa xestión de Mariano Rajoy, que no seu momento non dubidou en viaxar a Estados Unidos para negociar directamente cos responsables de Alcoa.

 

O PP de Lugo está convencido de que, como xa fixo a ministra en ocasión tristemente inesquecible para os lucenses, o PSOE non tardará en anunciar compromisos, de carácter electoral, tan falsos como baleiros de contido, para Alcoa-San Cibrao e As Pontes. O Partido Popular non se deixará enganar cos contos socialista para tranquilizar á moi preocupada sociedade lucense en vésperas da próxima cita coas urnas. Ata agora, como denunciou en sesión plenaria o deputado popular Javier Castiñeira, o único que ofreceu o Goberno socialista, «foi unha pasividade absoluta».