23, setembro, 2019. O voceiro do PP en Navia de Suarna, Jesús Fernández, pide ao alcalde que tramite de xeito urxente o arranxo da fochanca existente na estrada que vai a Chao do Couso. O popular fai esta petición en resposta a unha petición reiterada dos veciños, “que xa están cansados de que o bache leve así anos e o Concello non faga nada por amañalo”.
A non actuación por parte da entidade local a este respecto, segundo explica o popular, provoca que os vehículos arrastren e, por tanto, que estes poidan sufrir algún dano nos seus baixos.
“É unha vergoña que ninguén se preocupe polas estradas do concello”, salienta Fernández. Proba delo é que, pasando o núcleo de Molmeán, tamén hai fochancas que cruzan a estrada de lado a lado e as vías municipais, así como as da Deputación, están aínda sen desbrozar; de aí que os populares denuncien publicamente o mal estado e o desentendemento do goberno local respecto do mantemento das infraestruturas do municipio.
Por todo elo, dende o Grupo Municipal solicitan ao goberno local que “se preocupe máis por Navia de Suarna”. “Cremos que é o que merecen os veciños, unha vez que lles deron o apoio nas urnas. Actuar como están facendo os socialistas é, sen lugar a dúbidas, unha falta de respecto a todas esas persoas que confiaron neles”, conclúe.