Partido Popular de Lugo

Barreiro: «Traballamos para conseguir mellorar as condicións de vida no rural»

4, setembro, 2019. No marco das reunións que manteñen os candidatos populares por Lugo ao Congreso e ao Senado con distintos colectivos profesionais e sociais, esta mañá José Manuel Barreiro participou nun encontro do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, con membros da Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga), presidida por César Dorado, no que se abordaron cuestións que afectan directamente aos produtores de vacún e moi concretamente aos socios da citada entidade.

 

Despois da reunión, o candidato José Manuel Barreiro explicou que foi un encontro enmarcado «na defensa que desde sempre facemos no Partido Popular dos sectores produtivos básicos da nosa economía; neste caso, fundamentalmente da excelencia que temos na produción de carne de vacún, derivada da calidade da nosa propia raza autóctona».

 

Barreiro sinalou: «Queremos seguir traballando nesa dirección e pelexando para conseguir mellorar as condicións de vida no rural. Unha das vías posibles para conseguilo é precisamente a través da produción de carne». Un dos obxectivos é lograr «a mellora dos prezos, que é un dos problema enormes que están tendo os gandeiros de carne, igual que no caso do leite».

 

O citado candidato manifestou: «Nós comprometémonos a traballar tanto no Congreso como no Senado nesa dirección para defender prezos dignos que permitan que a calidade excepcional que ten a nosa carne de vacún se vexa recompensada e sexa un atractivo para asentar poboación no rural».

 

O conselleiro, José González Vázquez, escoitou as preocupacións e demandas dos representantes de Acruga e expuxo diversas iniciativas nas que traballa o seu departamento. Explicou aspectos do plan de dinamización do sector lácteo e anunciou tamén un plan estratéxico para o sector da carne, que pretende que quede rematado no ano en curso. Indicou que abordarán cuestións relacionadas coa formación, para preparar aos traballadores que demandan as empresas. O conselleiro de Medio Rural recoñeceu que o obxectivo é conseguir un incremento no prezo dos produtos que faga rendible realmente o traballo dos gandeiros tanto de leite como de carne.

 

Na mesma liña, González Vázquez recordou que en novembro entrará no Parlamento a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia na que está a traballar o se departamento xunto con Grupo Parlamentario Popular. Destacou igualmente a importancia que terá para o sector a posta en servizo do matadoiro móbil e da Oficina Agraria Comarcal itinerante.

 

Entre os asuntos tratados na reunión estivo a mellora da promoción da carne de rubia galega. O presidente de Acruga, César Dorado, suxeriu campañas publicitarias e charlas formativas.

 

Entre os asistentes á reunión estivo o deputado autonómico popular, Daniel Vega, bo coñecedor dos asuntos abordados ao longo da reunión.