Dende o Partido Popular da provincia de Lugo destacan “os preto de 500.000 euros que o Goberno galego dirixe a 44 comunidades de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades ou Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) dun total de 14 municipios da zona centro”.
Trátase de “importantes apoios”, segundo os populares, que ofrece a consellería de Medio Rural aos titulares de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades ou Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) en concepto de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) dirixidas á prevención de danos causados nos montes polos incendios, desastres naturais e catástrofes.
Son subvencionables os labores de control selectivo de combustible forestal e a construción de puntos de auga; xa que o obxectivo da convocatoria da Xunta é o de “contribuír a minorar os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade produtiva dos montes e, tamén, a garantir a protección axeitada para a fauna, a flora e a paisaxe”.
Así, dende os Grupos Municipais do PP destacan a importancia deste tipo de axudas que “contribúen a manter limpos os nosos montes de cara á prevención de incendios ou, polo menos, para tratar de ralentizar a propagación de posibles lumes”.
Comunidades beneficiadas
Os máis de 495.000 euros beneficiarán a un total de 44 solicitantes. Deles ata 38 comunidades poderán sufragar os costes dos labores de roza; mentres que catro construirán puntos de auga. Ademais, dúas comunidades de Friol –Xia e Ousá- solicitaron ambas as dúas liñas de actuación.
A comarca da Montaña recibirá máis de 174.000 euros que se destinan a unha comunidade de Baleira, dúas de Baralla, seis de Cervantes, dúas da Fonsagrada, tres de Pedrafita do Cebreiro e unha das Nogais. Pero a esta suma hai que engadir tamén os 163.000 euros que recibirán 16 comunidades do municipio de Navia de Suarna dirixidas á limpeza de montes.
As achegas da Xunta ás comunidades da comarca de Lugo ascende a máis de 122.600 euros. O municipio de Castroverde verase beneficiado cunha axuda de máis de 7.800 euros dirixidos á comunidade de Meda. Catro comunidades do concello de Friol recibirán algo máis de 71.500 euros e, no caso de dúas delas, desenvolveranse as dúas actuacións subvencionadas. Á CMVMC de Vilamaior de Negral, de Guntín, fóronlle concedidas axudas por valor de máis de 11.000 euros para realizar labores de desbroce. No municipio lugués o Goberno galego sufragará os costes de limpeza de montes en Vilachá de Mera e a construción dun punto de auga en Teixeiro con 19.800 euros. En Portomarín a comunidade solicitante foi a de Vilaxuste que recibirá máis de 12.00 euros.
Á comarca da Ulloa o Goberno galego destina máis de 35.800 euros dos que se benefician tres comunidades de Monterroso e unha de Palas de Rei. Nos catro casos, as axudas permitirán sufragar labores de roza.
A porcentaxe subvencionable das accións que deseñan previamente os propios solicitantes a través dun plan de traballo pode alcanzar o 100% do seu custe polo que as comunidades beneficiarias só deberán achegar o IVE. En total, o departamento de Medio Rural destina máis de 1.130.000 euros á nosa provincia dos que se benefician 126 solicitantes. Algo máis dun millón diríxense á limpeza de montes e 130.000 euros á construción de puntos de auga.