Partido Popular de Lugo

O PP pregúntalle aos socialistas: “A quen defenden: ao Partido ou á Mariña?”

O Partido Popular pregúntalle aos socialistas: “A quen defenden: ao Partido ou á Mariña?”. Así manifestaron durante o xantar de fraternidade que distintos cargos orgánicos mantiveron este sábado en Burela e logo de que os integrantes da formación vermella permanezan “agochados” respecto da “grave crise” que atravesa Alcoa San Cibrao.

 

Diante numerosos afiliados e simpatizantes, os populares, e máis concretamente a presidenta provincial -Elena Candia-, o secretario xeral do PPdeG -Miguel Tellado-, o delegado da Xunta de Galicia na provincia -José Manuel Balseiro-, o deputado provincial -Javier Castiñeira-, e o voceiro desta formación en dito municipio -Manuel Rouco, quixeron manifestar publicamente o seu apoio “rotundo” á que é a principal empresa da comarca e case da provincia, así como aos traballadores que, en definitiva, tamén se poden ver afectados e incluso ser despedidos ao existir unha notable redución da produción co anunciado peche das 32 cubas.

 

Deste xeito, amósanse “profundamente preocupados” polas consecuencias que pode traer aparelladas a situación que atravesa a factoría e que xa foi recoñecida polo presidente do comité de empresa, quen recentemente falaba que a pranta da Mariña ía camiño do “abismo”.

 

Unha vez máis, os populares ratificaron o seu compromiso co sector industrial e os postos de traballo da Mariña lucense e subliñaron que “a venta da planta é un peche en falso do problema, polo que pediron un compromiso e unha implicación do Goberno socialista coa industria electrointensiva”. 

Os socialistas non lideran
Por todo elo, lamentan que os socialistas “non liderasen este problema”, demostrando así que “máis que os seus veciños, o que lle importa o que digan os seus dirixentes en Madrid”. “Aínda que só fose como lucenses, deberían de coller o toro polos cornos e plantarse en Madrid e esixirlle a Sánchez que, en vez de irse a Doñana de vacacións, buscase unha solución para esta empresa que da traballo a 1.200 persoas de xeito directo,  e a outras 700 indirectamente”, afirmaron.

 

E é que, segundo apuntaron, “está en risco a viabilidade da empresa, os postos de traballo e tamén o futuro desta comarca, xa que se A Mariña lle quitamos Alcoa, que nos queda? Todos sabemos que outras actividades económicas como o turismo ou a pesca non serían suficientes para soportar a economía local. A xente que vive de Alcoa, sexa de onde sexa, merca na Mariña, fai vida social na Mariña…. Por iso, parece mentira que en vez de saír con pancartas, como si fixeron noutras ocasións en contra da Xunta por exemplo, desta volta, como lle afecta ao seu Partido, non diga nin palabra”.

 

A Xunta, a administración que máis inviste en Burela
Os populares adiantan que “pelexarán e seguirán pedindo unha solución” porque o PP “sempre estivo con Alcoa -o Goberno de Rajoy así o fixo-, sempre estivo e está co emprego, e sempre estivo e está coa Mariña”. Proba delo, é que o Goberno de Feijóo “inviste máis en Burela que o resto de administracións xuntas, incluido o propio Concello”. Como exemplos, citaron a ampliación do hospital e a remodelación do antigo, o acceso ao porto, a dotación de gardeirías, a reforma do colexio Virxe do Carmen, a execución próxima do martelo do porto e da estación de autobuses, o financiamento do servizo de Axuda no Fogar ou as obras que se acometeron dentro do Plan Cooperación, entre outras actuacións.

 

Fronte a esta “vontade colaboradora decidida e perfectamente constatable”, está, indican, “a ineficacia do alcalde, que leva falando tres anos do pavillón Vista Alegra e, a día de hoxe, non ten nada feito”. 

 

O Goberno de Sánchez, “moroso”
O xantar de confraternidade do PP de Burela coincide co reinicio da actividade política, na que os populares están centrados nas próximas eleccións autonómicas e que afrontan coa intención de revalidar a confianza maioritaria dos galegos. Un xantar, ademais, no que se puxo en valor o modelo de goberno de Feijóo, baseado na estabilidade política, no crecemento, na creación de emprego e na consolidación dos servizos públicos. Un modelo, pois, que xera confianza e que redunda no progreso da Comunidade e na mellora da calidade de vida dos galegos. 

 

Pola contra, os gobernos socialistas e da esquerda radical son claros exemplos de desgoberno e de inestabilidade e que agravian continuamente a Galicia –nos orzamentos xerais do estado, en sectores produtivos como o das electrointensivas ou as centrais térmicas ou o sector naval-. 

 

Miguel Tellado cualificou de “moroso” o Goberno de Pedro Sánchez, ao negarse a transferir a Galicia os 700 millóns de euros que lle corresponden e que son de todos os galegos.