Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde considera “moi decepcionante” que o alcalde votase en contra de que o presidente cumprise os compromisos coas residencias

O Partido Popular de Castroverde lamenta que o alcalde deste municipio e deputado provincial votase en contra da proposta do Grupo do PP de esixir un Pleno Extraordinario na Deputación, co fin de que o presidente cumprise os compromisos asumidos para a construción da residencias, e unha vez que distintos membros do goberno puxesen en dúbida publicamente a viabilidade dos 18 centros proxectados, entre o que se atopa, por tanto, o deste municipio.

 

Para os populares locais resulta “moi decepcionante” que o rexedor “levantase tamén a man”, xunto ao resto de compañeiros socialistas, xa que a residencia deste concello leva construída dende 2015 e aínda non abriu as súas portas. Ante o suceder dos feitos, recoñecen que agardaban que o alcalde, neste asunto, “fose quen de priorizar e de defender ao seu concello antes que contentar ao presidente, aos compañeiros e ao seu Partido. É unha auténtica vergoña”, remarcan.

 

“Xa vimos que non foi así, polo que moito nos tememos que todo o enmarañamento da residencia seguirá”. Para os populares resulta “moi frustrante” constatar isto, xa que Arias participou na inauguración co presidente daquel entón, foi testemuña dos enredos do predecesor de Tomé e, agora, con este último, como é deputado, parece que se lle esqueceu todo”. E é que para o grupo municipal do PP “non basta que dixesen que ían facer as residencias, se logo á hora de votar, manifestaron o contrario”. “Este desdecirse, conclúen dende Castroverde, non nos tranquiliza, senón que aínda nos fai estar máis preocupados”.

 

Por todo elo, adiantan que, no vindeiro Pleno da Corporación local, preguntarán a Arias cando ten previsto abrir esta infraestrutura “tan necesaria e demandada en Castroverde”. “Queremos saber que pensa facer porque non se explica que vote en contra”, conclúen.