A voceira do PP de Muras, Eugenia Requeijo, consideraría “un erro” investir 300.000 euros nas obras que se executarán proximamente para dotar de traída de auga municipal ás vivendas da Xestosa se “o resultado sería dar un mal servizo aos veciños e veciñas”.
A popular explica a idoneidade das obras que se executarán proximamente para dotar de traída municipal de auga ás vivendas dos veciños e veciñas da Xestosa coas que “como non podía ser doutro xeito, estamos de acordo”. Con todo, os populares consideran que “a auga non se debe extraer dos depósitos que abastecen de auga a parte do núcleo de Muras. Isto vai traer problemas de subministro en ámbalas dúas zonas en épocas de seca”, avanzan.
Polo tanto, dende o Grupo Municipal do PP pídenlle ao Goberno bipartito que “teña en conta a proposta do Grupo Municipal Popular sobre este asunto que ten xa manifestado tanto o anterior voceiro coma a actual”.
Melloras no centro de saúde de Muras
A popular tamén solicitou por escrito ao Goberno do Concello de Muras que “proceda a realizar as obras de mantemento que precisa o centro de saúde de Muras” porque “algunhas partes do edificio se atopan deterioradas: o tellado, parte da carpintería e diferentes elementos de pechamento, entre outras deficiencias”.
Requeijo advirte de “as obras de mantemento e son de competencia municipal; porque as instalacións non foron transferidas ao Sergas”. Así, convida ao Goberno BNG-PSOE do municipio a “non pasar a pelota ao tellado da Xunta” porque “non pode acometer obras no edificio do centro de saúde de Muras”.
Tanto a piscina coma a aldea etnográfica de Carelle, “descoidadas”
Recentemente a voceira ten amosado tamén as súas queixas ante o mal estado que presenta a piscina municipal onde a auga está “moi turbia”, os bordes da mesma tamén están “moi sucios” e incluso as súas inmediacións están “descoidadas” ; xa que non foron recollidos os materias das obras para a construción dunha piscina dirixida aos nenos e nenas. Tamén nun “estado de abandono” se atopan tanto as fincas coma as vivendas da aldea etnográfica de Carelle que dan unha “lamentable imaxe do noso Concello”, critica.