Os populares destacan os “importantes apoios” que ofrece a consellería de Medio Rural aos titulares de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades ou Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) dirixidos á prevención de danos causados nos montes polos incendios, desastres naturais e catástrofes. Concretamente, á zona sur da provincia de Lugo o Goberno galego destinou máis de 163.000 euros a 16 comunidades en achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Trátase de subvencións convocadas pola Xunta co obxectivo de “contribuír a minorar os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade produtiva dos montes e, tamén, a garantir a protección axeitada para a fauna, a flora e a paisaxe”. Así, son subvencionables o control selectivo de combustible forestal e a construción de puntos de auga.
Polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular destacan a importancia deste tipo de axudas que “contribúen a manter limpos os nosos montes de cara á prevención de incendios ou, polo menos, para tratar de ralentizar a propagación de posibles lumes”.
Un total de 16 comunidades solicitaron axudas para limpar montes
Son un total de 16 montes veciñais en man común, agrupacións ou mancomunidades ou Sofor do municipio as que teñen solicitado axudas da primeira liña, é dicir, dirixidas a sufragar os costes de limpeza dos montes: Ventosa, Coro, MVMC Cexurias e Pena Marela; Cociña, Tola e Trigal; MVMC de Penedo; Coruxedo; MVMC Moia; MVMC Montes de Muñís; Mazo e Moreira; CMVMC de Villarguide; Rao; Murias do Camiño e Ribón; Murias; CMVMC de Paradela; CMVMC de Balsa e Aigas.
A porcentaxe subvencionable das accións que deseñan previamente os propios solicitantes a través dun plan de traballo pode alcanzar o 100% do seu custe polo que as comunidades beneficiarias só deberán achegar o IVE. As achegas individuais, en función do plan de traballo presentado polos solicitantes, sitúanse entre os 3.600 e os 16.500 euros.
En total, o departamento de Medio Rural destina á nosa provincia máis de 1.130.000 euros dos que se benefician 126 solicitantes. Algo máis dun millón diríxense á limpeza de montes e 130.000 euros á construción de puntos de auga.