A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, reuniuse en Alfoz cos membros da agrupación local e do novo Grupo Municipal Popular dando continuidade ás xuntanzas que vén mantendo en cada municipio co obxectivo de organizar a agrupación do PP de Alfoz, coordinar as liñas de traballo e preparar as vindeiras citas electorais. Así, os populares alfocenses propoñen a Daniel Rejes, que ostentaba a presidencia de NNXX, como responsable da nova xestora da agrupación local.
A xuntanza de traballo, na que tamén participou o coordinador do PP na Mariña, José Manuel Balseiro, serviu ademais para que os populares locais puxeran en coñecemento da tamén voceira do Grupo Provincial do PP a problemática que sofren os veciños e veciñas coas estradas que son titularidade da Deputación de Lugo.
Nese sentido, sinalan dende o PP de Alfoz que “ao lamentable estado no que se atopan estas vías aínda sen desbrozar cando falta moi pouco para que remate o mes de agosto”; hai que engadir tamén os problemas de circulación que supón que estas estradas sexan estreitas e presenten pontes moi estreitas”. De feito, sinalan que “xa se teñen producido accidentes”.
Compromiso e investimentos da Xunta en beneficio dos veciños de Alfoz
“A falta de atención ás vías de titularidade provincial contrasta co compromiso do Goberno galego que neste mesmo mes de agosto acometeu obras de mellora da travesía de Alfoz e outros treitos da estrada LU-160 entre Adelán e Ferreira do Valadouro cun orzamento de máis de 180.000 euros”, manifestaron.
De feito, outro dos temas abordados na xuntanza foron os investimentos que a Xunta dirixiu nos últimos anos ao municipio en beneficio dos veciños e veciñas. Ademais desta obra, puxeron de relevo, “a mellora e impulso do rural que en Alfoz leva o selo dos goberno do Partido Popular”; xa que “a Xunta de Feijóo investiu máis de 7 millóns de euros nas parcelarias Val de Alfoz e Pereiro-As Oiras que contribúen ao seu mellor aproveitamento por parte dos gandeiros e gandeiras do municipio que agora dispoñen de fincas máis grandes e con mellores accesos”.
Igualmente, recordaron os máis de 85.000 euros que o Goberno autonómico destinou no primeiro semestre deste ano ao sostemento do servizo de axuda no fogar a dependentes, así coma os máis de 82.000 euros que recibiu o Concello de Alfoz no mesmo período con cargo ao Fondo de Cooperación Local.
Asuntos de interese municipal
Os populares de Alfoz abordaron de novo o abandono ao que somete o Goberno local ás infraestruturas públicas como son a piscina, os parques e as áreas recreativas do municipio. “Un descoido que se estende tamén ás rede viaria municipal”, conclúen.