Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que «Monforte non dispoña dun servizo de atención temperá próximo ás familias monfortinas debido ao desinterese do Goberno local

6, agosto, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte lamenta que “unha vez máis os monfortinos nos vexamos privados de servizos debido á falta de interese do rexedor e o seu equipo de Goberno”. Así, os populares condenan que “o Concello non solicitara apoio á Xunta para o seu impulso e, polo tanto, seguimos sen dispoñer dun servizo de atención temperá próxima aos nenos e nenas que a precisen”.

 

Así, dende o Grupo Municipal Popular lamentan que “as familias que precisen facer uso deste tipo de recursos, ata o de agora tivesen que desprazarse a Lugo para recibir este tipo de servizo”. Engaden tamén que “está previsto que profesionais de atención temperá se despracen dende Lugo a Monforte unha tarde á semana. Pero, aínda así, o ideal sería que o propio Concello, como administración máis próxima ás familias monfortinas, preste este servizo integrado por 3 profesionais que atendan a diario e sen ter que desprazarse aos nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou con risco de padecelos; xa que conta para iso co apoio do Goberno galego que concedeu tódalas axudas que os concellos da nosa provincia tiñan solicitado, demostrando o seu compromiso coa prestación de servizos sociais”.

 

A voceira do PP local, Katherinie Varela, non entende que o Goberno local “deixe perder, unha vez máis, axudas do Goberno galego. Así, critica o “desinterese do Goberno local” por dotar á cidade de distintos servizos sociais tal e como se desprende da resolución destas axudas que convoca a Xunta e que dende o Goberno local monfortino non teñen solicitado”.

 

Atención temperá e integración social

“Tendo en conta que este servizo contribúe a que os seus usuarios e usuarias alcancen o máximo nivel de desenvolvemento persoal e de integración social, non entendemos que o Goberno local do PSOE rexeite estas axudas que contribúen á implantación dun servizo integrado por tres profesionais multidisciplinares que traballan co obxectivo de mellorar o desenvolvemento dos nenos e nenas que necesiten este recurso, xa que son o futuro de Monforte”, incide Varela.

 

Varela engade que “Monforte é a segunda cidade da provincia e, como tal, o Goberno local debería impulsar determinados servizos sociais que, incluso, outros concellos máis pequenos están a implantar de forma compartida con outros municipios próximos”, conclúe.