2, agosto, 2019. O Grupo Provincial Popular lamenta que “as estradas de titularidade provincial pasarán o verán sen desbrozar”. Así o entende o vicevoceiro popular, Javier Castiñeira, ao constatar que as estradas das que a Deputación é a titular “continúan sen rozar a comezos de agosto” porque “aínda permanecen abertos procesos de contratación para realizar estes traballos nalgunhas estradas e, no caso dos labores que xa están adxudicados, non comezarán ata a última quincena de agosto”. A súa posta en marcha retrasarase porque é preciso formalizar o contrato antes de dar comezo ao servizo.
Os populares xa denunciaban a comezos deste verán o estado de abandono das marxes das estradas provinciais, así coma a necesidade de actuar nelas “con urxencia. Se a situación era lamentable fai un mes, agora é totalmente insostible”. Por iso, dende o Grupo Provincial do PP esíxenlle ao presidente, que ademais é o responsable de Vías e Obras, que “se poña mans á obra e tome cartas no asunto” porque “non é de recibo que dende a institución provincial se estea a proxectar unha mala imaxe da provincia debido a que as estradas provinciais permanecen sen limpar a mediados do verán”, tal e como indica Castiñeira.
“A falta de limpeza da maleza contribúe a aumentar o risco de posibles incendios nunha época de altas temperaturas e, sen dúbida, supón tamén a redución da visibilidade dos condutores podendo ser esta a causa de posibles accidentes de tráfico”, engaden. Pero tamén lamentan dende o Grupo Provincial do PP a imaxe “de abandono e descoido” que se transmite nesta época na que a nosa provincia recibe moitos visitantes –tanto peregrinos que discorren polas distintas vías do Camiño de Santiago, coma visitantes das zonas costeiras ou outro moitos atractivos dos concellos lucenses- e que “continúan na mesma situación dende comezos deste verán”, lamenta Castiñeira.
As estradas da Deputación, intransitables nos últimos veráns
Así mesmo, dende o Grupo Provincial Popular lembran que “este non é o primeiro ano que se producen retrasos por mor do desleixo dos dirixentes provinciais. O PP, en previsión e co fin de anticiparse a esta situación, xa en 2017 presentou diversas propostas de resolución e de rogos en Pleno, para pedir ao equipo de goberno a axilización do procedemento de contratación das obras de desbroce, así como o inicio de execución das mesmas. Con todo, e a día de hoxe, “os socialistas aínda non corrixiron esta forma de actuar provocando que as estradas sexan intransitables nesta época”.
Información sobre o estado da licitación dos labores de desbroce: