30, xullo, 2019. O novo Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro estréase en Pleno, presentando unha moción para a limpeza e recuperación da Praia de Covas. Deste xeito, farán esta petición, na que será a primeira sesión extraordinaria, logo das de constitución e de organización, e que se celebrará o mércores 31 de xullo, ás 20:30 horas, e fano, segundo indican, impulsados e alertados polas queixas dos veciños, de tal modo que o areal poida ser utilizado en condicións de seguridade e salubridade para os seus usuarios, e sempre co máximo respecto o medio ambiente.
Neste senso, lamentan que a praia estea chea de vexetación, que medra de xeito incontrolado e inutiliza o areal nunha gran parte. Ademais, segundo critican dende o PP, “a gran cantidade de lixo existente provoca que este espazo non poida ser utilizado polos usuarios”.
O Partido Popular de Viveiro lembra que a Praia de Covas ata fai varios anos foi un dos espazos naturais de referencia de toda a cornixa Cantábrica e un gran reclamo para os numerosos visitantes que sobre todo en época estival se achegan á comarca. “Estamos a falar de que este areal ten unha repercusión moi importante no ámbito socio-económico do Concello”; de aí que reclamen ao Concello que “asuma a sua responsabilidade nas tarefas de limpeza e acondicionamento, e se sume ás esixencias que correspondan pedir a outras administracións, se fose o caso”.
Dun xeito máis preciso, pídenlle á entidade local que acometa as dilixencias necesarias para acadar unha total adecuación “deste paraíso natural”, incluíndose nestas “os labores de limpeza, desinfección, recollida selectiva de residuos a pé de praia, eliminación das herbas que invaden o areal conservando as dunas no seu estado natural, así como o mantemento de lavapés, fontes e duchas. Tamén o volteo e despedregado da área”, matizan.
Rogos e Preguntas
Ademais desta moción, presentan tres preguntas e cinco rogos. Así interesaranse polas previsións do goberno para o arrando dunha fochanca existente dende fai tempo na entrada de garaxes comunitarios na Avda. Cantarrana e sobre a solicitude de Obradoiros de Emprego ofertados pola Xunta de Galicia, pois, indican, “con case os 900 parados no pasado mes de maio, ademais de formación poderían supor unha axuda económica importante para os asistentes”.
Noutra orde asuntos, preguntarán tamén pola “inactividade” dende fai case un ano da Oficina Municipal de Información o Consumidor” (OMIC), xa que nesta época “é moi solicitada tanto polos nosos veciños/as, como pola gran cantidade de visitantes que se achegan a nosa vila, e botan en falta este servizo”.
Os populares demandarán tamén aos responsables municipais a reparación inmediata do parque infantil da Zona da Ataia en Celeiro, que se atopa en condicións de inseguridade para os menos, así como a erradicación total dunha praga de gusanos no centro urbano de Viveiro, concretamente na Avda. Nicolás Cora, ademais do rozado, desbroce e sinalización de camiños rurais que, en moitos casos, representan “un perigo constante” tanto para os condutores como para os viandantes.