Partido Popular de Lugo

O PP de Ribadeo censura que o Goberno local non solicitara á Xunta colaboración para a contratación de brigadas para a prevención e loita contra os lumes forestais

Ribadeo, 26 de xullo de 2019. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo censura que o Goberno local do BNG non solicitara á Xunta colaboración de cara á contratación de persoal para a conformación de brigadas municipais para a prevención e loita contra os lumes forestais.

 

O voceiro popular, Daniel Vega, destaca “a vontade de cooperación do Goberno galego que destina máis de 650.000 euros para o reforzo dos recursos dos municipios da Mariña nesta materia co obxectivo de contratar persoal, apoiar o funcionamento da motobomba e financiar a execución de labores de roza”. Así, “o Concello de Ribadeo vese beneficiado de máis de 26.000 euros dirixidos a estas dúas últimas tarefas; xa que o Goberno local non cursou solicitude para a contratación de brigadas”.

 

Neste sentido, Vega lamenta que “o señor Suárez Barcia e o Goberno do BNG desaproveitaran, unha vez máis, os recursos que a Xunta pon ao alcance dos Concellos aos que lles achegaron todos cantos recursos tiñan solicitado”. O popular lembra que “non só se perde un servizo de primeira intervención ante posibles episodios de incendios forestais que se producen puntualmente na zona, senón que tamén as brigadas se encargan de realizar tarefas preventivas coma os desbroces en espazos onde non é posible chegar coa roza mecánica ao non poder facer uso do tractor”. Así, “o Goberno do BNG de Ribadeo está desprezando unha necesidade das numerosas parroquias do rural ribadense”, condena.

 

Perda de oportunidades laborais

Este caso, “ademais do rexeitamento de recursos da administración autonómica en materia de prevención e loita contra incendios forestais, supón tamén a perda dunha oportunidade laboral porque as brigadas xeran como mínimo cinco postos de traballo subvencionados nos seus custes salariais”, indica o popular.

 

Dende o PP local agardan que “o señor Suárez non culpe á Xunta, como fai sempre, cando el é o único responsable de que Ribadeo non vaia contar con esta colaboración que a Xunta ofrece a tódolos concellos da provincia”.