Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara censura “as formas e as faltas de respecto” do alcalde, ao expulsar do Pleno a Carlos Meilán

26, xullo, 2019. O Partido Popular de Láncara censura “as formas e as faltas de respecto” amosadas polo alcalde no Pleno celebrado esta mércores. Os populares refírense á decisión do socialista de expulsar da sesión ao edil Carlos Meilán, pois, “en ningún caso, indican, un arrebato deste tipo está xustificado”, co que se pon de relevo que “está abusando da maioría, como tamén abusou dela cando se subiu o salario ata 32.000 euros máis os 10.000 de Seguridade Social, ou non deixando debater mocións, obrigando a presentalas como rogos”.

 

Neste senso, dende o PP lamentan “a pouca cortesía política” do rexedor e convídano a modificar a súa conduta, xa que “de seguir nesta dinámica, a imaxe que está dando non é propia do cargo que representa”. E é que, segundo subliñan, o socialista tamén “perdeu os modais” cando se lle preguntou polo bastón de mando que custou 800 euros.

 

“Lamentamos profundamente que o Sr. Piñeiro perdese deste xeito os nervios e non soubese estar á altura das circunstancias”, sobre todo, apuntan, porque calquera discusión que poida xurdir forma parte do debate político, no que cada grupo pode expoñer os seus argumentos ou ideas. “Tomar decisións como a indicada é non estar á altura do cargo que ocupa”, manifestan.

 

Por este motivo, dende o Grupo Municipal consideran “oportuno” que na vindeira sesión, o titular municipal debe pedir desculpas publicamente, e agardan que non se volva a reproducir o acontecido, co fin de garantir a normalidade democrática nos Plenos.