BURELA, 24 de xullo de 2019.– Os populares de Burela poñen en valor “o avance nas obras para o acondicionamento e mellora do colexio Virxe do Carme de Burela que este mesmo martes visitaba a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo”. A responsable autonómica estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde, e os concelleiros electos do PP Manuel Rouco, Yovana Oroza e Javier Pardeiro.
A obra, que conta cun orzamento superior aos 950.000 euros, está previsto que estea rematada para o comezo do curso escolar, é dicir, “nun período de execución récord de tres meses, causándolle así o mínimo trastorno ao alumnado e ao profesorado do centro educativo”, indican.
Manifestan así mesmo dende o PP local que “unha vez máis o Goberno da Xunta que preside Feijóo cumpre con Burela levando a cabo os compromisos adquiridos coa súa veciñanza en tempo e forma”, tal e como di Rouco. “Outros gobernos, ven de índole local, provincial ou estatal, non poden dicir o mesmo” e para mostra o estado de abandono que xa levan tempo a sufrir os paseos marítimos de Burela, especialmente o da zona do Cantiño, cuxo mantemento é de índole municipal e cuxa titularidade é de carácter estatal; ou o caso do lamentable estado das beirarrúas que van ata o cemiterio municipal dende a ponte por riba do cuartel, dependentes da Deputación”.
“Sorprende ver que, así como as devanditas obras avanzan a moi bo ritmo, sendo o cambio estético no centro educativo moi notable, o perímetro do propio centro segue nun estado de abandono total, tal e como puido apreciar a propia Conselleira. Todo elo a pesares das denuncias feitas polo grupo do PP de Burela no seu día perante o rexedor municipal en funcións, o Sr. Llano, que debe de estar esperando a que o estado selvático no que se atopa o resto do municipio burelao se instaure tamén no centro educativo”, lamenta.
Como se pode apreciar hai formacións políticas que dende os órganos de goberno que os cidadáns lles outorgaron si son capaces de traballar eficazmente por e para estes, mentres outras pasan os días “a velas vir” ata o mes anterior á campaña electoral no que si se acordan de tentar facer o que non deron feito en catro anos.
Feira do Bonito
Os populares tamén lamentan que “a Xunta non fose convidada á presentación oficial da Feira do Bonito que tivo lugar este martes en Burela”. Sen dúbida, trátase “dunha clara falta de respecto institucional”; tendo en conta que “a administración autonómica apoia economicamente a celebración desta festa, cunha achega de 7.500 euros que se abona desde a súa declaración como cita de interese turístico galego no ano 1999”.
Manuel Rouco non entende que “o Goberno do PSOE pasase por alto convidar á Xunta” cando “precisamente, o Goberno galego ten elaborado un informe que foi un paso decisivo e imprescindible para que a Feira do Bonito de Burela acadase a recente declaración como cita de interese turístico nacional”.