Partido Popular de Lugo

Katherinie Varela: “a Tomé interésalle moi pouco a nosa cidade; interésalle máis a súa ambición persoal”

20, xullo, 2019. Os populares de Monforte amosan o seu “malestar” ante a actitude que mantén o rexedor local do PSOE tralo seu nomeamento como presidente da Deputación, e coa que “está a demostrar que lle interesa moi pouco a nosa cidade e si a súa ambición persoal”.

 

A voceira do PP, Katherine Varela, fai esta valoración logo de constatar, a través das últimas declaracións do socialista e das opinións de moitos monfortinos, que este “xa está a desatender o Concello”. Deste xeito, para os populares, “o que comeza a ser unha deixadez de funcións, será a tónica dominante”, pois, aseguran, así se deduce do anuncio de que pretende estar tres días en Lugo e tan só dous en Monforte. “A pesares de ser apoiado con maioría absoluta, agora vaise dedicar con minoría absoluta ao noso concello”, insiste Varela, ao tempo que lle recrimina que non dixese nada disto aos monfortinos antes das eleccións municipais.

 

O despacho de Lugo si, os actos de Monforte non

“Preocúpanos que o señor Tomé non lle dedique tempo ao noso Concello”. Proba delo é que, xa o propio día da súa investidura como presidente provincial, non asistiu á xornada demoday de emprendedores no Espazo Coworking. A voceira do Grupo Municipal Popular non entende que o alcalde de Monforte non asista a un importante acto coma este, que está impulsado, ademais, pola escola de organización industrial, a través do Espazo Coworking, e onde os emprendedores monfortinos presentaban os seus proxectos.

 

Ademais, engade, “por cuestión de axenda tampouco foi, xa que a constitución da Deputación foi pola mañá e dito evento desenvolveuse pola tarde”. “Isto non é falta de planificación. Isto é que lle importa máis o despacho de Lugo que o do Concello”; cuestión que Varela lamenta profundamente. “Claramente lle está dando a espalda aos monfortinos, que pasamos a ser o segundo prato”, remarca.

 

Dedicación “reducida”, salario “reducido”

Por este motivo, e dado que dedicación do rexedor a Monforte “será reducida”, considera que “reducido debería de ser tamén o salario”. “Sabemos que non o vai a facer, pero sería, cando menos, un exercicio de responsabilidade política e persoal. Se vai traballar ao 60% na Deputación, o lóxico e obxectivo sería que cobrase tamén o 60%. Non facelo será aproveitarse do erario público”, conclúe.